Noticias
-
O reitor da USC Antonio López e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presentan dende este luns en Bruxelas o II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC, que se desenvolverá en Compostela en xuño. A comitiva mantén ata este martes encontros e reunións bilaterais con diferentes autoridades internacionais, entre eles o embaixador de México, Mauricio Escanero Figueroa; eurodiputados e embaixadores do grupo de América Latina e Caribe diante das Nacións Unidas. A finalidade é informar dos detalles do programa e avanzar nos obxectivos do encontro.
-
A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional. Como novidade nesta convocatoria do primeiro dos programas, engádese a igualdade de xénero como criterio de desempate no caso de que as iniciativas presentadas teñan a mesma puntuación. O Galicia Exporta Organismos Intermedios tamén afonda na dixitalización, e así, entre outras iniciativas, apoiarase a creación de plataformas de comercio electrónico para mercados internacionais.
-
A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa é un foro multilateral creado en 1996 e orientado á cooperación entre os seus membros, no que participan todos os Estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e con intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos. Ademais, contémplase a figura do Observador asociado que se solicita para España e a de Observador Consultivo. A figura de Observador Consultivo comprende organizacións ou entidades non estatais con especiais vínculos coa lingua portuguesa. No caso de Galicia, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Academia Galega de Lingua Portuguesa son, desde o ano 2016, observadores consultivos da CPLP.
-
Galicia pechou o ano 2019 coa taxa de abandono educativo temperá máis baixa desde que existen rexistros, un 12,6%. Este dato supón que o sistema educativo galego foi quen de reducir a súa taxa de abandono en máis dun 50% en só unha década, do 25,8% rexistrado no 2009 ao 12,6 de media do ano que vén de rematar. Cúmprese así o obxectivo marcado para España pola Unión Europea (UE) para 2020, fixado nun 15%. O abandono educativo temperá defínese como a poboación entre 18 e 24 anos (ambos inclusive) que non completou o nivel de educación secundaria segunda etapa (Bacharelato ou FP de grao medio) e non segue ningún tipo de formación (regrada ou non regrada).
-
A nova iniciativa no Polo Aeroespacial de Galicia, que se desenvolverá a través da colaboración do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), permitirá que as pemes galegas poidan desenvolver nova tecnoloxía e que Galicia siga á vangarda e siga sendo pioneira no desenvolvemento de tecnoloxías e infraestruturas vinculadas aos vehículos non tripulados. O futuro simulador permitirá dar un paso máis pensando no futuro e en abrir novas oportunidades ás pemes e centros tecnolóxicos, para que poidan participar nun novo programa e nova licitación que desenvolverá en Rozas un simulador que vai permitir xestionar o tráfico aéreo tripulado e non tripulado.
-
As exportacións galegas acadaron nos primeiros once meses do pasado ano un volume total de vendas de 20.369 millóns de euros. As vendas ao exterior en novembro de 2019 subiron 6,6% con respecto ao mesmo mes de 2018, acadando un volume total de 2.110 millóns de euros. Galicia situouse así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas, despois das Illas Baleares e do País Vasco. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior superará por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.
-
Galicia potenciará o Camiño de Santiago como eixo vertebrador das comunidades que conforman a marca España Verde e como exemplo do seu modelo turístico, baseado na calidade e a sustentabilidade. Nun acto celebrado en Fitur, escenificouse o traspaso de poderes do País Vasco a Galicia, que neste 2020 asume a coordinación das actividades desta marca turística que integra a Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco. A aposta por un turismo de calidade permite ás comunidades que conforman este proxecto avanzar en eixos estratéxicos como a descentralización de fluxos ou a desestacionalización da demanda, así como mellorar as súas variables turísticas.
-
Cun investimento de preto de 2,2 millóns de euros, AIRUS servirá para reforzar a aposta de Galicia polo sector aeroespacial que se materializa no Polo Aeroespacial de Galicia, cun investimento público-privado total de 164 millóns de euros e no que están a traballar 400 persoas en máis de 35 proxectos que están a desenvolver 50 axentes. Asemade, estase a traballar xa na continuidade da iniciativa a través dun novo proxecto que se presentará este venres no Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en Madrid e que está vencellado co U-Space, o sistema de xestión do tráfico de vehículos non tripulados propio da Unión Europea.
-
A Cidade da Cultura de Galicia acollerá do 25 ao 28 de marzo o I Congreso Internacional do Teatro Galego, organizado pola Academia Galega de Teatro, que presentou hoxe o programa de conferencias, mesas de traballo, comunicacións e presentacións de proxectos e publicacións, arredor do que se reunirán máis de medio centenar de profesionais que desenvolven a súa actividade en diferentes ámbitos do sector tanto en Galicia como no resto de España e noutros países, como Portugal e México. As liñas programáticas do Congreso, baixo o lema 'Co 2030 no horizonte', serán tres: Experiencia, actualidade e modelos externos, O teatro e os públicos e A creación e os seus procesos. O obxectivo, segundo os seus organizadores, é a posta en común da situación actual do teatro galego en relación coa doutros modelos internacionais.
-
O Goberno galego entregou esta mañá no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da Candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á UNESCO que, previsiblemente, acontecerá antes concluír este mesmo mes de xaneiro. Galicia conta cun vasto patrimonio cultural material recoñecido pola UNESCO e incluído na Lista do Patrimonio Mundial: a Cidade vella de Santiago de Compostela, os Camiños de Santiago de Compostela: Camiño Francés e Camiños do Norte de España, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. A Comunidade avanza agora no impulso de tres novas candidaturas: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e a Cidade de Ferrol-Porto da Ilustración.