Noticias
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou os rexistros históricos que veñen de acadar as exportacións galegas, pechando o 2021 como o mellor ano desde que hai rexistros ao superar a barreira dos 25.000 millóns de euros. En concreto, as vendas ao exterior de Galicia acadaron os 25.269,6 millóns, un 21,1% máis que no 2020, e tamén por riba do 12% con respecto ao 2019, último ano antes da pandemia. 'O noso tecido empresarial demostra, unha vez máis, a súa capacidade de adaptación e de mellora, tamén en épocas complicadas. E faino superando por quinto ano consecutivo a barreira dos 20.000 millóns'.
-
Galicia propuxo un total de 115 areais para optar á Bandeira Azul 2022. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta semana nunha reunión do xurado nacional que concede estes distintivos, onde se deu a coñecer a listaxe de praias de cada comunidade autónoma candidatas na presente edición. Do Campo destacou que a Comunidade galega, coas 115 propostas —37 da Coruña, 19 de Lugo e 59 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Canarias, Asturias, Cantabria e Andalucía.
-
Os establecementos extrahoteleiros galegos, que engloban aos apartamentos turísticos, os cámpings e o turismo rural, pecharon 2021 recuperando o 99% da súa demanda turística prepandemia, segundo se desprende dos datos achegados hoxe polo INE. Con preto de 588.000 viaxeiros e case 1,9 millóns de noites, demostraron ser a tipoloxía de aloxamento con mellor recuperación da súa demanda en Galicia.
-
A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática.
-
O Servizo Galego de Saúde acadou, o pasado ano, unha cifra de 112 doazóns de órganos e realizou 298 transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables tendo en conta a actual situación de pandemia. Do total de transplantes, 140 foron de ril, dos cales 25 procedían de doante vivo; 85 de fígado; 1 de páncreas; 24 de corazón e 48 de pulmón. A cifra de transplantes de pulmón foi a segunda máis alta en Galicia desde o comezo do programa no ano 1999, cunha taxa de 17’8, o que supera en dez puntos a media nacional. Desde que se realizou o primeiro transplante de órganos no ano 1981 ata o 31 de decembro de 2021 fixéronse en Galicia 8.921 transplantes.
-
Galicia segue a mellorar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que as exportacións galegas marcan un novo récord e suman, entre xaneiro e novembro de 2021, máis de 23.000 millóns de euros. A cifra, que non se acadara ata o de agora nun exercicio completo no conxunto da serie histórica, permite superar por quinto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións, acadando un novo teito á espera de pechar 2021 coas cifras do último mes de decembro. Neste sentido, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e novembro do ano pasado, nun 22,2%, ata acadar os 23.122 millóns.
-
Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro. A iniciativa demostrou ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros.
-
A nosa comunidade situouse en 25 puntos por riba da media nacional en canto á recuperación da actividade turística con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noite, e con case 180.000 Compostelas entregadas fronte ás 140.000 previstas. O modelo de turismo tranquilo en espazos abertos que buscan os viaxeiros pospandemia converteu á comunidade nun destino de moda o ano pasado e ao Camiño de Santiago nun reclamo turístico neste Ano Santo. A isto axudaron iniciativas como o seguro coronavirus, o bono turístico ou o traballo de promoción a través da campaña Camiña a Galicia.
-
Tivo lugar o II encontro do grupo de traballo da Macrorrexión do Suroeste Europeo (Resoe) e a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe). No encontro participaron representantes das rexións que forman parte de RESOE, isto é, Galicia, Castela e León, Asturias, Cantabria e as rexións Norte e Centro de Portugal. Na xornada informouse sobre os proxectos e actividades desenvolvidas por CRUSOE durante a pandemia do coronavirus así como as iniciativas que se desenvolverán durante 2022 e 2023.
-
Este stand acollerá medio cento de presentacións de produtos e destinos turísticos da nosa comunidade nun espazo de máis de 1.000 metros cadrados no que se presentará a Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e co Camiño de Santiago como eixo central. A 42ª edición da feira internacional de turismo se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro, os tres primeiros días para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia.