Galicia asume a representación en Europa das autonomías españolas en materia de Medio Ambiente no segundo semestre
A representante da Xunta expresou o orgullo que supón para a comunidade ser a voz das autonomías en Europa e reivindicou a importancia de que as rexións participen na toma de decisións pois son os Gobernos autonómicos os que se encargan de aplicar de xeito directo unha parte importante da normativa comunitaria, polo que o seu papel é clave para contribuír ao éxito real das políticas europeas.A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático incidiu en que as competencias das comunidades en materia ambiental son moi amplas e a súa experiencia diaria permítelles ser actores fundamentais no desenvolvemento desas políticas. Nesta liña, puxo en valor que Galicia é unha das rexións mellor situadas na senda cara a neutralidade climática, como demostra a redución nun 33% das emisións brutas contaminantes en 2022, a segunda comunidade con maior descenso neste ano.
Ángeles Vázquez expuxo a vontade de Galicia de seguir contribuíndo á transición ecolóxica e xusta nos próximos anos, polo que destacou que esta representación das comunidades autónomas nos Consellos de Ministros da Unión Europea supón unha oportunidade para poñer en valor o gran labor realizado polas autonomías neste eido.
A responsable do Executivo galego agradeceu ademais o labor realizado por Castela-A Mancha no actual semestre, que coincidiu co peche do período lexislativo, e puxo en valor a consecución de consensos en cuestións como a directiva de solos ou a revisión da directiva comunitaria en materia de residuos.
Encontro7
A reunión telemática serviu para que a Representación Permanente de España na Unión Europea (Reper) expuxese os principais asuntos que se van abordar nos Consellos de Ministros de Medio Ambiente do segundo semestre do ano -coincidindo coa constitución da nova Comisión Europea- e para que o Goberno de Castela-A Mancha trasladase as cuestións máis importantes que se atopan en fase de análise ou discusión así como os trámites realizados nos últimos meses.
Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático trasladou a vontade de colaboración co Goberno central para lograr avances na defensa dos intereses das comunidades autónomas e comprometeu un intenso labor por parte de Galicia na busca de posicións de consenso ás reunións no seo da Unión Europea.
R.



