Noticias
-
Galicia tivo presenza hoxe en Bruxelas na segunda reunión de CIVEX do novo mandato 2020-2025 do CdR. Dos catro debates celebrados, salienta o dedicado a como utilizar as novas ferramentas dixitais para mellorar os servizos públicos e achegar o proceso de toma de decisións o máis posible aos cidadáns. Este debate precede á elaboración dun ditame que será aprobado o próximo verán e encádrase na nova política dixital europea que vén de anunciar a Comisión Europea. Galicia presentou o camiño percorrido dende a adopción dunha primeira axenda dixital en 2010 ata a actual Axenda Dixital 2020, pasando pola aprobación da Lei da Administración Dixital de Galicia o ano pasado.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal. Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros.
-
As exportacións galegas rexistraron o ano pasado un novo récord, cun total de 22.196,7 millóns de euros, superando nun millón de euros o dato definitivo de exportacións do 2018. No tocante ao saldo comercial, Galicia rexistra unha balanza positiva en 2.382,5 millóns de euros, mentres que a nivel nacional se acumula un déficit de 31.979,6 millóns de euros. En termos absolutos, a balanza comercial galega é a cuarta mellor das comunidades autónomas. Así, en 2019 Galicia supera por segundo ano consecutivo a barreira dos 22.000 millóns de euros, co que a Comunidade está vivindo o mellor ciclo exportador da súa historia.
-
A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia. Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria.
-
Tivo lugar hoxe a xornada técnica de presentación das instalacións e equipamentos do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) ás preto de 50 empresas que amosaron interese na consulta preliminar ao mercado promovida polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI) que ten por obxecto dotar dun simulador de xestión de tráfico aéreo U-Space ao Polo Aeroespacial de Galicia. Este proxecto dá continuidade ao Galician Skyway que desenvolve Boeing no Polo Aeroespacial de Galicia e que permitirá á Comunidade manterse na vangarda das solucións vinculadas aos vehículos aéreos non tripulados.
-
A Xunta recoñecerá o esforzo dos concellos comprometidos coa paisaxe e o medio ambiente cun novo distintivo: a Bandeira Verde de Galicia. Un recoñecemento que pretende coidar e fortalecer a Galicia verde, recoñecendo o esforzo daqueles concellos que implanten boas prácticas e fomenten o compromiso dos seus veciños neste eido. Estas bandeiras verdes concederanse anualmente a aqueles municipios que cumpran con criterios que xiran en torno a 5 eixos: a protección da paisaxe, o cambio climático e eficiencia enerxética, a mobilidade sustentable, a xestión responsable dos residuos e accións de educación e sensibilización ambiental. Será un xurado técnico o encargado de avaliar as candidaturas que se presenten, puntuando os méritos que acrediten os concellos e outorgando especial valía ás medidas innovadoras.
-
Investigadores da USC acaban de descubrir un mecanismo de mutación implicado no desenvolvemento dos cancros humanos que pon no punto de mira aos retrotransposóns, rexións de ADN ata agora ignoradas que explican a orixe e progresión de certos tumores e abren novas vías de prevención e tratamento desta enfermidade. O traballo, o maior realizado ata a data no campo da xenómica do cancro, inclúe a análise xenómica de tumores en case 3.000 pacientes e 38 tipos diferentes de cancro. Este traballo enmárcase no consorcio internacional Pan-Cancer, unha iniciativa de enorme envergadura para o estudo das bases xenéticas do cancro, na que participaron durante sete anos preto de 1.000 investigadores de todo o mundo.
-
A Xunta solicitoulle ao Goberno de España a creación dunha comisión de seguimento das obras do AVE que se reúna con periodicidade mensual. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe un escrito ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, demandando a creación dun foro sobre a alta velocidade ferroviaria similar ao establecido polo Executivo central con outras autonomías.O Goberno galego considera conveniente que a primeira xuntanza desa comisión de seguimento se celebre xa neste mes de febreiro, coa fin de achegarlle á cidadanía galega información oficial, clara, concreta e certeira sobre a evolución desta infraestrutura estratéxica, unha vez constatado o incumprimento do acordo político de rematar as obras a finais de 2019.
-
Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.
-
O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo Shorts from Galicia que, como cada ano, edítase co obxectivo de promover a recente produción galega. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son '16 de decembro', de Álvaro Gago; 'Irmandade', de Helena Girón e Samuel M. Delgado; 'Todo el mundo se parece de lejos', de Rafa de los Arcos; 'Unidade veciñal', de Tono Mejuto e os traballos de animación 'Brotar', de Montse Piñeiro e Rubén Abad e 'Homomaquia', de David Fidalgo Omil.