Noticias
-
O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado a estrea do espectáculo de danza Maestro Rodrigo, promovido pola Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo coa colaboración do Centro Coreográfico Galego (CCG) e do Concello da Coruña. Nesta obra os estilos neoclásico e contemporáneo conviven á hora de ofrecerlle ao público un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Joaquín Rodrigo como historia de superación. Baixo o subtítulo 'O neno que soñaba a música', o espectáculo preséntase como unha narración ilustrada por medio da danza e de numerosos fragmentos das obras do autor de Concierto de Aranjuez. A montaxe aborda a vida de Rodrigo desde a súa infancia en Sagunto ata o seu regreso a España tras a Guerra Civil.
-
O Real Club Náutico de Vigo foi hoxe o escenario da presentación da serie galego-portuguesa Auga seca, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual. Na presentación participaron, así mesmo, a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual.
-
Científicos de todo o mundo e empresas do ámbito da Intelixencia Artificial daranse cita en Santiago de Compostela para participar no congreso internacional ECAI 2020, que se celebrará na capital galega entre o 8 e o 12 de xuño do vindeiro ano 2020. Un acontecemento de extraordinario interese económico e social, promovido por EurAI (Asociación Europea para a Intelixencia Artificial - European Association for Artificial Intelligence) e organizado por investigadores do CiTIUS. ECAI2020 será un punto de encontro no que a investigación, a innovación e o emprendemento ao máis alto nivel mundial porán en común os últimos avances científico-técnicos na Intelixencia Artificial, coñecida como 'a electricidade do século XXI'.
-
Euphoria preséntase a unha semana da clausura da exposición Vestiges d´un ici, vestixios de si, de Loreto Martínez Troncoso. O compositor e director musical de Vertixe Sonora, Ramón Souto, aceptou o convite de Martínez Troncoso para crear unha obra a partir “daquela materia informe que nun momento dado emerxe, xa sexa como un balbucido, un tremor, un xemido, un golpe, un berro, un latexo, un paso ou un suspiro”. En Euphoria, que recupera a súa orixe etimolóxica en grego antigo “forza para soportar”, recréanse, coa colaboración especial de Ignacio Barcia e a asistencia do Obradoiro Artesán en Madeira de Severino García Seijo, diversos artellos sonoros experimentais que pulsan a palabra do edificio.
-
A demanda turística medrou en Galicia por riba da media española nos catro primeiros meses ao crecer un 5%, mentres que no resto de España a evolución non chegou ao 1%. Neste tempo chegaron á Comunidade galega máis de 1 millón de viaxeiros que realizaron máis de 2 millóns de noites nos establecementos de aloxamento regrado, o que se traduce na xeración de algo máis de 31.000 viaxeiros que hai un ano e preto de 94.000 noites máis que nas mesmas datas de 2018. Medra tanto o turismo nacional como o estranxeiro, destacando de xeito especial este último que logra superar nun 11% a cifra de viaxeiros aloxados e case nun 13% o volume de noites.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse este mediodía co embaixador da República Popular da China en España, Lyu Fan, co obxectivo de seguir estreitando lazos de colaboración e avanzar na captación de novos investimentos para Galicia. Durante o encontro, no que estiveron tamén o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, Feijóo e Lyu Fan recordaron que, segundo os últimos datos de 2018, China consolídase como o principal destinatario asiático de produtos galegos, a onde xa exportan de forma regular máis de 140 empresas.
-
Dende a posta en marcha da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia concedéronse no seu marco 3.683 axudas públicas á I+D+i por máis de 833 millóns de euros que conseguiron mobilizar máis de 1260 millóns. Esta cifra supón unha porcentaxe de execución dos fondos previstos do 77,6% respecto do obxectivo inicial de mobilización de 1.624 millóns de euros ata 2020. A RIS3 está centrada en tres retos: O reto número 1 é a Xestión Innovadora dos recursos naturais e culturais; o número 2, o Novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento; e o reto 3, o Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación.
-
Galicia pechou o primeiro trimestre de 2019 cun superávit contable do 0,03%, mentres que a media autonómica rexistrou un déficit do 0,1%, segundo recollen os últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda. Galicia rexistrou no peche do mes de marzo un superávit contable de 21 millóns de euros, mentres que o déficit do conxunto das administracións autonómicas situouse en 1.234 millóns. Os datos do Ministerio de Facenda mostran que a nosa comunidade é unha das cinco que rematou o primeiro trimestre do ano con superávit contable. As outras administracións autonómicas que tamén rexistraron capacidade de financiamento son Asturias (0,3%) e A Rioxa (0,1%), xunto ás dúas comunidades forais: Navarra (0,61%) e País Vasco (0,45%).
-
O Festival Interceltique de Lorient anunciou en París o programa da súa 49ª edición, na que este histórico encontro da cultura celta celebra o Année de la Galice (ano de Galicia). O acto, para o que se contou coa colaboración da Embaixada de España, tivo lugar na sala Pan Piper da capital francesa e incluíu un concerto de Mercedes Peón co seu proxecto 'Déixaas'. Deuse así conta do especial protagonismo que a música galega terá do 1 ao 11 de agosto en Lorient, ata onde viaxarán máis de 20 artistas e grupos galegos como parte da programación elaborada polo festival.
-
A BFAero é unha iniciativa de innovación aberta que conta coa colaboración de Indra, Babcock, pequenas e medianas empresas do sector, as universidades galegas e entidades como o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico de Galicia e a Fundación CEL, que se encargará da xestión operativa. Enmarcada na aposta de Galicia polo sector aeronáutico e, en concreto, no impulso ao polo aeroespacial da Comunidade, a iniciativa pretende seleccionar, incubar e acelerar novas empresas que acheguen solucións innovadoras a esta industria e, en concreto, á dos vehículos aéreos non tripulados, atraendo e retendo, deste xeito, talento de primeiro nivel a este sector.