Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia afronta a súa avaliación intermedia cun 77% do investimento executado

Son algunhas das conclusións expostas esta mañá nos talleres de avaliación intermedia da RIS3, que comezaron hoxe en Santiago de Compostela e que reúnen aos principais axentes do sistema galego de innovación (Administración, organismos de investigación, empresas e sociedade) arredor de cada un dos tres retos da Estratexia. En concreto, o taller de hoxe estivo centrado no Reto 1: Xestión Innovadora dos recursos naturais e culturais, e continuarán nas vindeiras semanas cos talleres dos retos 2, Novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento, e reto 3, Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. As Estratexias de Especialización Intelixente son a folla de ruta das rexións europeas para avanzar na súa competitividade, crecemento económico e emprego a través da innovación e un requisito imprescindible para acceder aos fondos de cohesión da Unión Europea no período 2014-2020.
Estes talleres forman parte dun proceso máis amplo de avaliación, que se está a realizar tamén a través doutras vías como: o balance de execución, a recollida de información a través de cuestionarios que se remitiron a preto de 900 beneficiarios das axudas, axentes do sistema galego de I+D+i; a organización de grupos de discusión, paneis de expertos e consellos asesores; e a consulta á sociedade en xeral. A metodoloxía de avaliación que se está a empregar é un proceso participativo, continuando co enfoque de descubrimento emprendedor implantado xa na elaboración da RIS3.
Patricia Argerey apuntou que o obxectivo deste proceso de avaliación é identificar desviacións na execución da RIS3 que permitan introducir medidas correctoras se fose preciso (como o desenvolvemento de novos instrumentos ou a mellora dos actuais) ou reaxustar as prioridades. Tamén servirá para sentar as bases para comezar o proceso de definición da futura RIS3 para o período 2021-2027 e cumprir co requisito esixido pola Comisión Europea de condicións de cumprimento dos fondos FEDER.
Balance da RIS3
O reto que concentrou a maior parte dos recursos foi o reto 2, un modelo industrial da Galicia do futuro, cun 70,3% das axudas e un 72% do investimento mobilizado, seguido polo reto 1, unha xestión de recursos naturais e culturais baseada na innovación, ao que se destinaron o 16,9% das axudas e o 16,1% do investimento mobilizado e, finalmente, o reto 3, un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo, que recibiu o 12,8% das axudas acadando o 11,9% do mobilizado.
No tocante aos resultados preliminares dos cuestionarios realizados, a valoración global foi positiva. Os axentes que participaron consideran que dende 2014 se produciu un avance positivo no grao de especialización intelixente en todos os retos. En relación co impacto da RIS3 na cadea de valor da I+D+i os axentes do sistema galego de I+D+i valoraron positivamente os apoios recibidos en todas as fases: reforzo da xeración de coñecemento, impulso da súa transferencia, fomento e consolidación do emprendemento e reforzo da comercialización de produtos e servizos. Ademais, os axentes expresaron un nivel alto de satisfacción co sistema galego de I+D+i (3 puntos sobre 4).
Todos os programas obtiveron un nivel de satisfacción positivo por parte dos beneficiarios, sendo os programas PEME innova e Innova en Galicia os que recibiron mellor valoración. En canto ao impacto das axudas nos beneficiarios, os apoios da RIS3 amosan un maior impacto na mellora da súa competitividade.
Os ámbitos e tecnoloxías de maior potencialidade identificados no ámbito do reto 1 foron: a sustentabilidade e produción ecolóxica; a xestión de residuos e reciclaxe; a pesca selectiva; a calidade alimentaria; o aproveitamento de subprodutos; e a xestión e produción gandeira. En canto ás tecnoloxías de maior potencialidade a futuro, as máis mencionadas foron as TIC, a biotecnoloxía, os materiais avanzados e a nanotecnoloxía.
Sobre a RIS3
A RIS3 é a estratexia de innovación de Galicia para o período 2014-2020. Nela establécense os retos e prioridades do investimento en I+D+i da nosa Comunidade co obxectivo de asegurar unha concentración eficiente dos recursos dispoñibles para xerar e explotar o coñecemento en Galicia coa finalidade de orientar o noso tecido produtivo cara un camiño de desenvolvemento baseado na innovación e o coñecemento.
A RIS3 de Galicia foi froito dun proceso participativo coordinado pola Axencia Galega de Innovación levado a cabo en 2013, coa participación de diferentes departamentos da Administración Autonómica e máis de 240 axentes do sistema galego de innovación. As RIS3 foron impulsadas nas rexións europeas por esixencia da Comisión Europea en relación coa programación dos Fondos Estruturais 2014-2020.
R.