Noticias
-
O Comité pretende aproveitar as capacidades da industria galega para a fabricación do equipamento que máis se está necesitando nos centros hospitalarios, nos centros de atención a maiores e persoas con discapacidade, e noutros lugares de traballo: EPIs, luvas, mascarillas, produtos desinfectantes ou pezas para respiradores. As propostas estanse canalizando a través da plataforma Marketplace que está xestionando xa 55 propostas viables. Destacan os EPIS doados por Ceaga, as batas médicas xestionadas polo clúster téxtil Cointega, os mandís impermeables que fabrica a industria do plástico, pantallas protectoras, respiradores que están fabricando Bendix e Cinfa, ou o pedido de mascarillas no que colabora Gabadi.
-
A iniciativa da Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD) co apoio da Universidad Liberquaré e da Secretaría Xeral para o Deporte, Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental cumpre quince días nos que vén de levar a cabo as súas primeiras dez entregas que contaron cunha excepcional acollida cifrada en 56.473 impactos en deportistas, adestradores e outros profesionais do deporte. Ante esta masiva resposta, a SIPD vén de ampliar as Píldoras Solidarias incorporando a novos profesionais referentes de Mexico, Cuba, Portugal, Chile, Arxentina, Uruguai, Costa Rica, Colombia, España e Nicaragua e chegando xa a unha vintena de países.
-
A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. A paisaxe cultural galega acaba de lograr ser aceptada como a proposta de España para esta sesión, e entra en avaliación para a súa posible inclusión na prestixiosa lista da que xa forman parte a Cidade Vella de Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Esta candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico no que se destaca o valor universal excepcional desta zona.
-
Coincidindo co 325º aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento, o Bierzo celebra o seu Día da Lingua Galega nas localidades leonesas de Vilafranca, Cacabelos e Corullón. Os actos estiveron organizados pola Comisión Cultural Martín Sarmiento. A xornada festiva iniciouse no Teatro Villafranquino Enrique Gil Carrasco cunha homenaxe ao poeta berciano Ramón González-Alegre co gallo do centenario do seu nacemento, homenaxe que se prolongou cunha visita á casa natal do poeta e mais unha ofrenda floral ante o monumento ao escritor. A segunda metade da mañá estivo ocupada pola actividade de dinamización lingüística Enredando con Pakolas, a cargo de Paco Cerdeira. A celebración desprazouse pola tarde ao salón de actos do Marca, en Cacabelos, onde se presentou a III edición dos Premios Morales para a promoción da lingua.
-
Baixo o título 'O camiño cara a neutralidade climática. Superando barreiras financeiras', a exposición centrarase na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, aprobada pola Xunta o pasado outubro e na que se define o marco de actuación a medio e longo prazo co obxectivo de converter a Galicia nunha rexión climaticamente neutra en carbono antes do ano 2050. Este horizonte equipara á comunidade con outras nacións punteiras na loita contra o cambio climático, como é o caso de Suecia, Francia, Costa Rica ou Nova Zelanda e vai na liña dos obxectivos das autoridades comunitarias para que Europa se converta no primeiro continente neutral en carbono.
-
Chámase ELBA (‘Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia’), e durante o vindeiros tres anos contribuirá a mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos. O novo proxecto, que arrincou oficialmente hoxe coa reunión de lanzamento na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC), estará en vigor ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de euros (994.968€). Un consorcio liderado desde o CiTIUS polo investigador David E. Losada, que conta coa participación dos tamén investigadores do centro Paula López e Tomás Fernández Pena e o Servizo de Relacións Exteriores da USC (SRE).
-
Galicia tivo presenza hoxe en Bruxelas na segunda reunión de CIVEX do novo mandato 2020-2025 do CdR. Dos catro debates celebrados, salienta o dedicado a como utilizar as novas ferramentas dixitais para mellorar os servizos públicos e achegar o proceso de toma de decisións o máis posible aos cidadáns. Este debate precede á elaboración dun ditame que será aprobado o próximo verán e encádrase na nova política dixital europea que vén de anunciar a Comisión Europea. Galicia presentou o camiño percorrido dende a adopción dunha primeira axenda dixital en 2010 ata a actual Axenda Dixital 2020, pasando pola aprobación da Lei da Administración Dixital de Galicia o ano pasado.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal. Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros.
-
As exportacións galegas rexistraron o ano pasado un novo récord, cun total de 22.196,7 millóns de euros, superando nun millón de euros o dato definitivo de exportacións do 2018. No tocante ao saldo comercial, Galicia rexistra unha balanza positiva en 2.382,5 millóns de euros, mentres que a nivel nacional se acumula un déficit de 31.979,6 millóns de euros. En termos absolutos, a balanza comercial galega é a cuarta mellor das comunidades autónomas. Así, en 2019 Galicia supera por segundo ano consecutivo a barreira dos 22.000 millóns de euros, co que a Comunidade está vivindo o mellor ciclo exportador da súa historia.
-
A actividade Fly the future amosa o lado práctico das carreiras vinculadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas (STEM) aos mozos e mozas a través da explicación, interacción e visión das solucións tecnolóxicas desenvoltas pola compañía Babcock no Polo Aeroespacial de Galicia. Fly the future inclúese no programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do Polo Aeroespacial de Galicia, que inclúe diferentes actividades para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas e que ten como obxectivo espertar o interese polas carreiras STEM entre a mocidade. Está dirixido a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato, ciclos formativos e educación especial, así como á comunidade universitaria.