Noticias
-
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nas demostracións que a empresa Boeing realizou no seu laboratorio de simulación de continxencias de voo situado nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) -en Castro de Rei, Lugo- de cada un dos sistemas desenvoltos no marco do contrato de Compra Pública Pre-comercial Galician SkyWay. Un programa de I+D que desenvolve coa colaboración de diferentes empresas e centros de investigación, cunha alta complexidade tecnolóxica, que busca solucións avanzadas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o Polo Aeroespacial de Galicia onde se está a acometer a primeira fase de construción do parque tecnolóxico e industrial, que alcanzará unha superficie de 31.000m² e terá capacidade para albergar unha quincena de naves. Acompañado por representantes do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta), o vicepresidente económico puido comprobar a marcha desta primeira fase, na cal se está a traballar sobre unha área inicial de 3.000m² onde Babcock xa está a piques de rematar a construción do seu hangar e Indra fará outro.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe á S. M. o Rei Felipe VI un novo Goberno galego centrado en paliar os efectos da pandemia, cun compoñente social e económico moi importante e no que a sanidade seguirá sendo unha das prioridades desta lexislatura. Tras a recepción no Palacio da Zarzuela, despois de ser investido a pasada semana presidente da Xunta, Feijóo aseverou que os galegos optaron o 12 de xullo pola moderación e a estabilidade dunha forma determinante e moi clara; e aproveitou o encontro para avaliar a situación da pandemia na Comunidade. Feijóo pediu a axuda da S. M. Felipe VI para ampliar a celebración do Xacobeo ata xullo de 2022.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na localidade portuguesa de Bragança na XII reunión da Comisión hispano portuguesa de Cooperación Transfronteiriza para preparar o XXXI Cumio Ibérico no que participarán o próximo outubro na Guarda o presidente do Goberno e os seus ministros co primeiro ministro portugués e os membros do seu Executivo. Gamallo presentou propostas consensuadas co Norte de Portugal a ter en conta na reunión do Cumio, como a necesidade de protocolos conxuntos no ámbito sanitario e de impulsar o Camiño Portugués a Santiago para dar un novo pulo ao Xacobeo 2021 como elemento integrador da proxección exterior e eixo vertebrador da cohesión.
-
Galicia suma un novo piloto 5G que permitirá desenvolver 14 casos de uso con esta tecnoloxía na Comunidade. O Ministerio de Economía e Transformación Dixital publicou este mes de agosto a resolución da adxudicación da segunda convocatoria de axudas para probar esta tecnoloxía que outorga ao operador Orange unha axuda pública de 9 millóns de euros para realizar un piloto 5G que abrangue 14 casos de uso destas redes sen fíos. Trátase do segundo proxecto de maior importe dos oito concedidos en España nesta nova convocatoria.
-
Por primeira vez no seu medio século de historia, a Conferencia Europea en Intelixencia Artificial, un dos congresos científicos máis importantes do mundo no seu ámbito, desenvólvese como un evento dixital e en aberto. O encontro, organizado pola USC a través do seu Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), conta con miles de asistentes dos cinco continentes. En total, serán máis de 300 horas de contidos entre o 29 de agosto e o 8 de setembro. O principal foro europeo sobre investigación en Intelixencia Artificial (IA) celebrarase por primeira vez como un evento completamente dixital, pero coa cidade de Santiago como pano de fondo.
-
A evolución do turismo en Galicia foi en xullo 22 puntos superior á media española, segundo se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na Comunidade foi do 51% fronte ao 73% do conxunto do Estado. Os establecementos hoteleiros galegos recibiron no sétimo mes do ano un total de 257.870 turistas, o que sitúa a Galicia como a quinta comunidade con maior volume. Estes viaxeiros realizaron preto de 600.000 pernoitas, en concreto 598.513. A nivel de mercado, o turismo de proximidade continúa a ter máis relevancia no turismo en Galicia, xa que o viaxeiro nacional gaña presencia fronte ao internacional, máis afectado polas restricións de mobilidade.
-
Dentro da actual situación post-COVID que estamos vivindo, tan importante como ofrecer recursos turísticos con grande valor e interese para os potenciais visitantes, é ofrecer tamén unhas garantías de seguridade adaptadas á “nova normalidade”. Neste senso está traballando a nosa comunidade, grazas ao esforzo e o compromiso do sector turístico, que conta ademais co apoio da Xunta a través de diversas medidas que procuran que este verán Galicia sexa un dos destinos turísticos con máis garantías.
-
Máis de 107.000 viaxeiros rexistraron os seus datos de contacto nos primeiros días de vigor da normaUn total de 107.412 persoas inscribiron os seus datos de contacto no rexistro de viaxeiros que puxo en marcha a Consellería de Sanidade o pasado día 29 de xullo. Delas 62.446, o 58,1% do total, proceden das distintas comunidades autónomas con comunicación obrigatoria, concretamente 29.783 do País Vasco, 24.150 de Cataluña, 3.674 de Aragón, 3.011 de Navarra e 1.828 da Rioxa. Así mesmo rexistráronse 449 viaxeiros que chegaron dos países cun risco epidemio-lóxico máis elevado. Concretamente 121 dende Estados Unidos, 75 de Luxemburgo, 75 de México, 46 de Brasil, 42 da República Dominicana, 33 de Romanía, 22 de Chile, 16 de Ecuador, 11 de Perú e 8 de Colombia.
-
O presidente do Goberno Galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que nos próximos días o conselleiro de Sanidade reunirase co secretario de Estado de Sanidade para abordar a posibilidade de rexionalizar Portugal dentro do protocolo elaborado pola Xunta, que obriga ás persoas que veñan á Comunidade a comunicar a súa chegada cando procedan doutros territorios cunha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior á de Galicia. Se ben no protocolo non se fan diferencias dentro do territorio dos países, agás no caso de España, Feijóo trasladou durante un encontro co embaixador de Portugal, João Mira Gomes, a necesidade de establecer unha diferenciación por zonas de alta incidencia da covid-19 tamén para o país veciño, ante os estreitos lazos que nos unen.