Noticias
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a ampliación do bono turístico #QuedamosEnGalicia ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo. Así, a segunda convocatoria deste bono abrirase a todos os cidadáns maiores de idade empadroados nun concello galego, e que non foran beneficiados na convocatoria de 2020. E a Xunta asumirá o 60% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 40%.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos efectos que pode ter na pesca a saída do Reino Unido da UE e das actuacións da Xunta ante esta situación. Nesta liña a titular de Mar explicou que Galicia está a trazar unha folla de ruta a longo prazo para defender os intereses marítimo-pesqueiros ante o impacto do brexit. Este labor, especificou Rosa Quintana, estase a realizar no marco do grupo de traballo creado no Consello Galego de Pesca para tal fin e baixo dúas cuestións fundamentais, que son a unidade co sector e a rigorosidade dos argumentos da comunidade autónoma.
-
Xunta e o Goberno luso coincidiron hoxe na necesidade de aproveitar os fondos europeos para impulsar as comunicacións entre Galicia e Portugal co AVE entre Vigo,Porto e Lisboa como prioridade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha reunión en Melgaço coa ministra da Coesâo Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, para abordar as infraestruturas estratéxicas de comunicación transfronteiriza.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE), que esta iniciativa e o Polo aeroespacial de Galicia demostran que Galicia se pode posicionar na vangarda desta industria. Na súa intervención, Francisco Conde anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora (CPI), vinculados ao Polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de seguir dando resposta a novos retos tecnolóxicos.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe que as vendas no exterior dos produtos de sectores como a automoción, as conservas e o naval -con subas do 33,3%, 20,5%, e 34,6%- contribuíron de maneira decisiva ao volume alcanzado polas exportacións galegas en 2020. Así, ter superado por cuarto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións confirma a capacidade de resistencia do tecido produtivo galego. A recuperación das exportacións galegas se confirma cos resultados do segundo semestre do ano, no que as vendas aumentaron un 4,9% con respecto ao mesmo período de 2019, e cos do mes de decembro, nos que a suba foi do 6,8%. Esta evolución positiva supón un xiro na caída que experimentaron nos primeiros meses da pandemia.
-
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación – a través da Fundación Artesanía de Galicia – organiza xunto coa Fundación RAC na exposición Os roteiros da forma, unha mostra colectiva na que participan 14 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que se pode visitar en Pontevedra ata o 26 de marzo. A mostra forma parte dun proxecto de divulgación conxunto no que se busca amosar as propostas máis contemporáneas da artesanía galega, no marco do cal xa se realizou a finais do pasado ano a exposición Feito de estrelas, unha retrospectiva da obra do ebanista artesán Frank Buschmann.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo públicos os datos do seu último Barómetro Exportador de Galicia (Baexga). A análise sectorial das exportacións en decembro de 2020 amosa “un crecemento das exportacións galegas dun 6,8% con respecto o mesmo mes de 2019. Un valor considerablemente superior ao rexistrado polo conxunto de España (un 0,9%)”. Con esta taxa de crecemento, indican en nota de prensa desde a entidade, “Galicia segue recuperando o nivel de exportacións anterior á pandemia, situándose nun 92,9% con respecto ao último nivel anual previo á covid-19. No conxunto do Estado a cifra mantense estancada no 89,5%”.
-
Galicia defende a estabilidade ou incremento das cotas de pesca nas augas compartidas co Reino UnidoGalicia defende a necesidade de manter ou incrementar as posibilidades de pesca tanto das especies principais como das accesorias en augas compartidas co Reino Unido co obxectivo de facilitar o labor das frotas galega e española que faenan neses caladoiros así como de permitir os intercambios de cotas con outros estados membros. Trátase dunha postura que expuxo hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa participación por videoconferencia no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, ao que asistiu en representación das comunidades autónomas españolas xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
-
As vendas ao exterior galegas sumaron o ano pasado un total de 20.871,7 millóns de euros, o que supón quedar por cuarto ano consecutivo por enriba dos 20.000M€. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a boa evolución de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción ou o conserveiro ten permitido a Galicia pechar o 2020 cun mellor comportamento das exportacións que o do conxunto do Estado. Así, na Comunidade as exportacións baixaron o ano pasado un -6% con respecto a 2019, mentres que a media de España é do -10%, catro puntos máis.
-
Case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal polo sistema PEFC (Programa para o Recoñecemento de Certificación Forestal, en inglés Programme for the Endorsement of Forest Certification) proveu de Galicia. Así, das 124.010 novas hectáreas sumadas a este sistema no conxunto de España, un total de 73.679 corresponden á nosa comunidade. Con esta superficie incorporada, xa son 2,4 millóns as hectáreas certificadas no conxunto do Estado. Ademais, dos novos silvicultores certificados en España no pasado ano, o 87% son galegos (5.530 dos 6.363 incorporados en 2020).