Noticias
-
Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros. Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto.
-
O proxecto Radar on Raia, coordinado polo Cetmar e do que forman parte socios galegos como o Intecmar e tamén nacionais como Portos do Estado, púxose en marcha no 2019 co fin de actualizar e estender fóra da fronteira de Galicia a tecnoloxía de radares de alta frecuencia do Observatorio Costeiro de Galicia, operativo desde 2011, e que forma parte do Observatorio RAIA. O obxectivo é convertelo nunha infraestrutura de observación transfronteiriza que permita mellorar o coñecemento da dinámica oceánica dun nivel local a rexional no Noroeste da Península Ibérica, mellorando a monitorización das correntes e da ondada, e desenvolvendo diferentes ferramentas para medir e predicir o estado do mar.
-
Foi presentado o Polo Aeroespacial de Galicia en Expodrónica 2022, feira que se celebra ata o xoves 23 no marco do World ATM Congress, no recinto feiral Ifema de Madrid, na cal Galicia se posicionou, unha vez máis, como un referente para investir na industria dos sistemas non tripulados. Na exposición ofreceuse unha visión integral da Civil UAVs Initiative relatada a través das voces dos seus protagonistas: a Administración galega, as empresas, os centros tecnolóxicos, as entidades usuarias dos proxectos de Compra Pública de Innovación e as startups.
-
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo unha reunión co novo presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha. No encontro, ao que tamén acudiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, abordáronse os proxectos conxuntos transfronteirizos previstos no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de facer fronte aos desafíos tras a pandemia do coronavirus e na captación de fondos europeos para iniciativas comúns.
-
Galicia sitúase como epicentro do Festival New European Bauhaus, un evento que se celebra en paralelo en varias cidades europeas, e que busca transformar a Unión Europea impulsando un estilo de vida integral e sostible, que sitúe ás persoas no centro e poña á súa disposición recursos multisectoriais (arquitectónicos, paisaxísticos, económicos, culturais, tecnolóxicos) para unha vida mellor, cos profesionais da saúde como prescriptores deste cambio. O Servizo Galego de Saúde, como socio oficial da New European Bauhaus, impulsa este evento na Cidade da Cultura de Galicia, na que se celebrou un forum, e que acollerá diferentes workshops sobre novas tendencias.
-
Inaugurouse a terceira reunión do ano da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), que se celebra en Santiago de Compostela. Esta é a segunda vez que Galicia acolle unha reunión externa deste órgano comunitario, que nesta ocasión reúne a máis de 70 representantes locais e rexionais, entre os que se atopan os presidentes doutras rexións europeas como A Puglia (Italia), Kuyavia-Pomerania (Polonia) ou Bretaña (Francia).
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a subscrición dos convenios entre a Axencia Galega da Innovación (Gain), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para poñer en marcha o programa de comunicación cuántica e, deste xeito, seguir avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. Cun orzamento de 9,6 millóns de euros, o obxectivo é mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións a través de sete liñas de traballo.
-
Os próximos xoves e venres, 2 e 3 de xuño, Santiago de Compostela acollerá na Cidade da Cultura a reunión fóra de sede da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) e a conferencia sobre turismo sostible, na que se destacará o Camiño de Santiago como modelo de sustentabilidade. Na reunión da Comisión NAT o xoves 2 de xuño abordaranse asuntos relevantes para o contexto europeo, e en especial para Galicia, como a seguridade alimentaria e enerxética, tendo en conta o impacto do conflito en Ucraína sobre os mercados de alimentos e como Europa se enfronta a esta situación.
-
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
-
Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos. De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km.