Noticias
-
A Cidade da Cultura farase eco na súa vindeira exposición, Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, da calidade e recoñecemento que está a vivir a artesanía galega dentro e fóra de Galicia, tal e como acredita o interese que esperta entre publicacións especializas de prestixio ou o feito de que os produtos de novos artesáns e artesás ocupan un espazo destacado en feiras internacionais de renome, como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair, entre outras. Deste xeito, a partir do 12 de abril e ata o 8 de setembro, o Museo Centro Gaiás propón unha ambiciosa e completa viaxe no tempo pola artesanía de Galicia.
-
Galicia promove os seus recursos turísticos na XXVI edición do certame turístico Moscow International Exhibition Travel & Tourism (MITT), que se celebra na capital de Rusia, Moscova. Durante estes días, a Comunidade presenta a súa oferta turística xeral do interior e da costa, o Camiño de Santiago así como algunhas das novas experiencias deste ano centradas no patrimonio e cultura galegas, de interese para este mercado. A MITT é o evento sectorial de turismo máis importante de Europa do Leste e está aberta tanto aos profesionais como ao público xeral. Galicia está presente cun módulo dentro do apartado destinado a España onde se difunde a oferta galega.
-
O conxunto dos galegos reciclou no pasado ano un total de 48.308 toneladas, é dicir, 5.000 toneladas máis que no ano 2017; o que se traduce nun incremento porcentual dun 11% e que representa o maior incremento en porcentaxe rexistrado na Comunidade galega na ultima década e superando en dous puntos o incremento a nivel estatal. A recuperación destas máis de 48.000 toneladas de vidro implican que cada galego reciclou unha media de case 18 kg ou o que é o mesmo unha media de 68 envases de vidro por habitante. Galicia sitúase como a segunda comunidade que rexistrou unha maior incremento na recollida selectiva a través do contedor verde, só por detrás da Comunidade de Madrid.
-
Inaugurouse na Sala de Recepción e Protocolo do Pazo Provincial de Ourense a mostra 'Castelao e Prada: Irmaus!', que inclúe como peza central o emblemático lenzo de Castelao, 'A derradeira leición do mestre', pintado polo artista rianxeiro en 1945 en homenaxe ao amigo e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936, e que nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires, institución á que pertence. O cadro, que se expón en Ourense en virtude dun acordo de préstamo entre o Centro Galicia de Buenos Aires, a Deputación Provincial de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo, poderá ser visto durante o próximo mes na cidade das Burgas, antes do seu definitivo retorno ao Centro Galicia a partir do vindeiro 7 de abril.
-
Galicia pechou o ano 2018 sendo a comunidade autónoma que paga máis rápido as súas facturas, cun período medio de pago de 16,9 días, o máis baixo de toda España segundo os datos oficiais publicados polo Ministerio de Facenda. O período medio de pago de Galicia mantívose 13 días por debaixo do límite que establece a normativa estatal, e a media autonómica situouse en 30,05 días, 13 máis que a media rexistrada na Comunidade galega. Os datos oficiais do Ministerio de Facenda inclúen desde o mes de abril unha nova metodoloxía de cálculo do período medio de pago a provedores que se aplica a todas as autonomías.
-
O ciclo 'Cultura no Camiño' entra na recta final da súa sétima edición con 60 actuacións en setembroO ciclo Cultura no Camiño ofrecerá durante o mes de setembro 60 actuacións de música e artes escénicas como peche da súa sétima edición, que botou a andar a primeiros de maio para lle achegar 284 citas culturais ao público de 76 concellos das Rutas Xacobeas. A Consellería de Cultura e Turismo encárgase da organización deste circuíto, para o que conta coa colaboración dos municipios participantes. Desde os seus inicios, o programa mantén como prioridade a dinamización e descentralización da oferta cultural, ao tempo que favorece a contratación de espectáculos producidos en Galicia por formacións artísticas profesionais. Con este fin, Cultura no Camiño conta este ano coa participación de 127 compañías escénicas e grupos de música que lle dan forma á carteleira de 2019.
-
A Xunta coordinará co Ministerio de Cultura e Deporte a próxima celebración, en Santiago de Compostela, dunha xuntanza do Consejo Jacobeo na que se invite a participar ás comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago e que non están integradas neste organismo. O obxectivo é implicar a todas elas na celebración do Xacobeo 21 por tratarse dun acontecemento estratéxico para o conxunto do Estado. Esta decisión foi tomada no transcurso da 53ª edición da Feira Internacional ITB de Berlín, unha cita na que Galicia promove cada ano a súa oferta turística neste mercado, o segundo do que proceden máis viaxeiros e que move máis peregrinos.
-
Esta mostra foi realizada en colaboración co museo M-Museum Leuven de Bélxica onde, entre outubro 2018 e xaneiro 2019, tivo lugar unha exposición retrospectiva de René Heyvaert, comisariada por Eva Wittockx e Peter Swinnen e realizada con fondos propios e obras pertencentes a outros museos, como o S.M.A.K. de Gante ou o MHKA de Amberes, e a coleccionistas particulares de Bélxica. Ambas exposicións comparten un mesmo núcleo de obra, aínda que difiren nas súas formulacións e percorridos. Ademais, o CGAC contou nesta ocasión coa entidade que xestiona o patrimonio do artista, representado na actualidade pola galería Clearing de Bruxelas e Nova York.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a creación das medallas Emilia Pardo Bazán, que inician a súa tramitación e distinguirán as persoas e/ou institucións que coa súa traxectoria ou labor contribuísen e destacasen no desenvolvemento de accións relevantes en favor da igualdade entre homes e mulleres na nosa Comunidade. Deste xeito Galicia quere demostrar a súa gratitude a quen, a través da súa loita pola igualdade constrúe unha sociedade galega mellor para as xeracións que están por vir e ademais recoñecer a traxectoria de todos e todas os que traballan para erradicar as desigualdades de xénero que aínda persisten.
-
No 2018, as vendas internacionais da industria agroalimentaria representaron o 13,4% do total, sumando o valor de 3.065,6 millóns de euros, continuando, así, a súa evolución positiva, cun aumento do 1,8% con respecto ao ano 2017. O ano pasado un total de 1.384 empresas galegas do sector da alimentación venderon os seus produtos no exterior. Delas, case a metade, 663, exportan regularmente, é dicir, fixérono de forma consecutiva durante os últimos catro anos, o que supón un incremento do 1,1% con respecto a 2017. En termos globais, o ano pasado en Galicia, o número de empresas exportadoras e exportadoras regulares alcanzaron as 7.259 e 2.498, respectivamente.