Noticias
-
O Centro Dramático Galego viaxará por primeira vez ao Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida para representar unha das súas producións propias, Shakespeare en Roma, que poderá verse no teatro romano da capital estremeña os días 18 e 19 de xullo. A programación completa da 69ª edición desta prestixiosa mostra foi anunciada hoxe mesmo no transcurso dun acto no que participou o director da unidade teatral da Xunta de Galicia, Fran Núñez, para dar conta do fito que estas actuacións suporán na traxectoria da compañía institucional galega a prol da proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais.
-
O Pazo de San Lourenzo acolleu hoxe o acto de sinatura do Protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia, documento que foi asinado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polos tres reitores das universidades galegas, Antonio López Díaz, da Universidade de Santiago; Julio Abalde Alonso, da Universidade da Coruña; e Manuel Reigosa Roger, da Universidade de Vigo. Tamén asinaron o protocolo os representantes das tres fundacións de investigación sanitaria.
-
Tivo lugar a reunión de presentación da Comisión de Oferta do Nodo de Computación de Altas Prestacións (coñecido como HPC polas súas siglas en inglés) do Hub de Innovación Dixital Dihgigal, que ten como obxectivo acelerar a transformación dixital do tecido produtivo galego a través da oferta de servizos HPC avanzados. No lanzamento do Nodo HPC participou tamén o director de Amtega, Julián Cerviño, e representantes da Comisión de Oferta de Dihgigal (universidades, centros tecnolóxicos e empresas TIC).
-
Reputados expertos e responsables de museos picassianos de España e Francia recalarán o 24 de marzo no Museo de Belas Artes da Coruña para participar na Xornada 'Picassiana. Os museos como centros de investigación', unha iniciativa deseñada e coordinada polo equipo técnico do Museo na que ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.
-
A Xunta expuxo ante a Comisión Marco das Nacións Unidas as estratexias que se están a desenvolver na Comunidade para cumprir os obxectivos de mitigación e promover a adaptación ao cambio climático. Cómpre salientar que a Xunta foi seleccionada para compartir a súa experiencia xunto ás comunidades autónomas da Rioxa, Andalucía, Murcia e País Vasco ao abeiro da xornada de presentación da Oitava Comunicación Nacional e do Quinto Informe Bienal de España e dos gobernos rexionais no marco desta comisión.
-
O Instituto Cervantes de París é o escenario do peche dun ano de reivindicación do legado de Laxeiro, un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. Hoxe finaliza na capital francesa o percorrido da exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que sumou nesta última estadía internacional, entre o 27 de xaneiro e o 13 de marzo, máis de 1.000 visitantes. A iniciativa xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidise dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día das Artes e viuse reforzada coa implicación do Instituto Cervantes de París e da Embaixada de España en Francia.
-
Galicia logrou recuperar o nivel de PIB previo á pandemia durante o pasado ano, un fito que aínda non se conseguiu no conxunto de España. Deste xeito, a economía galega está a recuperarse antes que outras Comunidades autónomas das consecuencias da pandemia. O PIB de Galicia superou os 68.800 millóns de euros en 2022, o que supón un incremento do 3,8 % nun ano e recuperar os niveis previos a crise económica derivada da Covid. A comunidade galega bateu un récord histórico de exportacións o pasado ano superando os 29.800 M€ -un 18,3 % máis que no 2021-.
-
Galicia rexistrou no primeiro trimestre deste ano un 22,5% máis de viaxeiros respecto ao mesmo período do anterior, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada polo Instituto Nacional de Estatística. Galicia rexistrou en xaneiro un total de 717.562 viaxeiros e 1,3 M noites cunha estadía media de 1,8 noites. Os establecementos hoteleiros (hoteis e pensións) acadan unha porcentaxe de ocupación que supera nun 19% a do ano pasado, con 624.867 viaxeiros e 1,1 M noites. Os establecementos extrahoteleiros, que engloban apartamentos turísticos, cámpings turismo rural e albergues incrementan tamén a súa ocupación en preto dun 52%.
-
A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas. Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor da data de nacemento e de pasamento de Rosalía de Castro e do cantautor portugués José Afonso (Zeca Afonso), respectivamente, estreitando os lazos que unen Portugal e Galicia.
-
Tivo lugar o acto de promoción internacional de Mindtech 2023, que se celebrará en Vigo do 20 ao 23 de xuño, é o espazo idóneo para xerar sinerxías entre empresas tractoras e startups da industria, sinalando así mesmo que vai na liña da Axenda Startups. Nesta terceira edición de Mindtech van estar moi presentes os retos da innovación, a dixitalización, a transición enerxética e a sustentabilidade, resaltando que neste encontro vai quedar de manifesto o esforzo e a capacidade coa que a industria galega lles está dando resposta.