Noticias
-
Galicia dispón dunha ampla diversidade de variedades de uva e lévedos (fermentos) do viño de gran utilidade para afrontar as consecuencias do cambio climático en vitivinicultura, ofrecendo solucións a curto ou medio prazo para o sector. Así o constatou a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), integrada na Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, a través dun proxecto de investigación sobre a materia. O cambio climático modifica o desenvolvemento e a maduración da uva. O efecto máis notable é o aumento da concentración de azucre e unha redución da acidez no mosto, que inflúe na fermentación e, finalmente, nas características do viño.
-
Galicia presenta durante toda esta semana a súa capacidade e o seu atractivo como destino de turismo de congresos, eventos e negocios, o denominado sector MICE. O departamento de Turismo da Xunta participa nun workshop de M&I Fórums especializado no mercado francés e suízo. Ao longo de cinco xornadas de traballo, persoal técnico autonómico mantén reunións con operadores turísticos nas cidades de Lyon, Lausanne e Zúrich co fin de amosar o potencial galego neste eido. A Comunidade dispón de infraestruturas e recursos para acoller este tipo de actividades, un nicho de mercado que encaixa co modelo impulsado pola Estratexia do turismo de Galicia 2020.
-
Presentouse onte o Desfile dos Entroidos, un pasarrúas que o 8 de setembro percorrerá as rúas do casco vello de Santiago de Compostela cos personaxes de 13 entroidos, varios dos cales participaron no acto para dar a coñecer este evento. Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia e Verín, acadaron a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia: Viana do Bolo, Cobres, Laza, Manzaneda, Xenerais da Ulla, Maceda e Vilariño de Conso.
-
Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán ao solpor da Cidade da Cultura de Galicia, despediuse o sábado pasado, día 18, co reguetón feminista de Tremenda Jauría, tras 21 actuacións ao aire libre e de balde coas que bateu o seu récord de participación con máis de 16.000 asistentes. O cartel deste ano foi un fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Deste xeito, deulle máis espazo ás músicas urbanas —como o trap de Rels B ou a cumbia-electrónica de La Redada— e evidenciou unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros desde o soul, jazz ou a bossa nova con Dom La Nena, Mordem e Nathy Peluso, entre outras.
-
O censo oficial recolle este ano un total de 507 zonas de baño, tanto marítimas como continentais. Delas, un 80,8% obtivo unha clasificación sanitaria excelente segundo os datos publicados no informe técnico anual ao peche da campaña 2017 e que son os que están vixentes durante este verán. Segundo se recolle neste informe, ademais das mencionadas zonas de de baño con clasificación excelente, o 11,7 % obtiveron unha clasificación boa, o 5,1% unha clasificación suficiente e o 2,4 % unha clasificación sanitaria insuficiente.
-
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) está a desenvolver o Plan de Acción en Software Libre 2018, que recolle un total de 110 actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade. Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego.
-
Os portos de titularidade autonómica moveron 950.000 toneladas de mercadorías ao longo do primeiro semestre de 2018. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do ente público na que fixo balance da actividade de carga e descarga de mercadorías e peixe fresco nas instalacións portuarias dependentes da Xunta. Durán Hermida informou de que Portos de Galicia vén de realizar o balance semestral de tráfico de mercadorías rexistrado nos 122 peiraos de titularidade autonómica entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2018.
-
O balance da actividade do Servizo Galego de Saúde neste primeiro semestre de 2018 reflicte un aumento global de toda a actividade. En total realizáronse 110.374 intervencións cirúrxicas en quirófanos ou en salas especiais, 534 intervencións cirúrxicas máis que no mesmo período do ano anterior. Isto é un 0,49% de incremento de actividade con respecto de 2017. Da totalidade de intervencións, 93.413 foron programadas e 16.961 urxentes. Ademais, o 54% do total foron ambulatorias polo que non precisaron estancia hospitalaria no paciente.
-
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, presentou na mañá de hoxe o festival de cultura urbana e deportes de acción O´ Marisquiño XVIII que terá lugar entre o 10 e o 12 de agosto en Vigo. Nas súas verbas, a responsable do Deporte galego celebrou que esta iniciativa “xa alcanza a súa maioría de idade con 18 anos de satisfacción, de grandes éxitos e de experiencia que a converten no gran evento do deporte urbano do sur de Europa”. Marta Míguez falou de dúas das competicións máis importantes do festival como poden ser o skateboarding e as probas de BMX, dous deportes que, ademais, serán olímpicos nos Xogos de Toquio 2020.
-
O Plan de transporte público de Galicia, que hoxe cumpre un ano da súa posta en funcionamento por parte da Xunta, rexistrou máis de 5,3 millóns de viaxeiros, un 1,2 % máis nos usuarios xerais, ao incrementar os servizos de autobús en máis dun 37 %. O plan aumentou a cobertura territorial do transporte, triplicando o número de paradas e rebaixando as tarifas en ata un 80%. Os contratos potenciaron a rede de transporte existente, ao pasar de 11 a 15 millóns de km de servizo anuais. Esta iniciativa impulsada pola Xunta é útil para os veciños, sustentable desde o punto de vista ambiental e viable a nivel económico.