O Sergas potenciará o uso da intelixencia artificial para mellorar a saúde dos galegos

Así o avanzou esta mañá no Parlamento galego a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, onde en resposta a unha pregunta formulada no marco da Comisión 5ª, detallou os principais proxectos con intelixencia artificial xa postos en marcha ou previstos de cara a facilitar o diagnóstico e mellorar o tratamento e o seguimento da saúde dos pacientes.
Natalia Lobato subliñou que a Xunta aposta por potenciar o uso das novas tecnoloxías no ámbito sanitario, co obxectivo de aproveitar os grandes beneficios que achegan ao coidado dos pacientes. Unha aposta, incidiu, “que sempre garantirá un uso eficaz, eficiente, ético e seguro”.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade avanzou que o vindeiro ano se empregará a intelixencia artificial na imaxe de anatomía patolóxica, unha vez que neste ano 2024 xa se adquiriron os escáneres para dixitalizar as mostras, nos que se investiu 4 millóns de euros, xunto coas estacións de diagnóstico, ás que se destinou 1 millón de euros. Polo que, incidiu, “esperamos que no ano 2025 todo o diagnóstico sexa dixital” e nese momento comezarase a empregar algoritmos de intelixencia artificial para o apoio ao diagnóstico.
Na mesma liña, a secretaria xeral técnica lembrou que se adquiriron un total de 184 ecógrafos ultraportátiles con intelixencia artificial integrada. Estes equipos guiarán aos profesionais na realización das exploracións, para obter a mellor imaxe posible, e permitirán identificar de forma automática as estruturas anatómicas en tempo real.
Ademais durante o ano 2025, o Servizo Galego de Saúde pilotará en 7 retinógrafos de atención primaria o uso de algoritmos de intelixencia artificial para a detección da retinopatía diabética en tempo real e tamén se iniciará un estudo piloto no que se analizarán 45.000 mamografías con intelixencia artificial co obxectivo de reducir nun terzo as posibles lesión que poden pasar desapercibidas nas lecturas convencionais.
Tamén se van informatizar as unidades de críticos dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, incorporando a intelixencia artificial e un sistema de alertas de apoio ás decisións sanitarias. Este proxecto, que conta cun orzamento estimado de 2,4 millóns de euros, incorporará modelos de intelixencia artificial baseados no uso de algoritmos preditivos para un sistema de xestión de alertas e eventos.
Natalia Lobato lembrou que o Servizo Galego de Saúde empregará as novas tecnoloxías para optimizar as capacidades da historia clínica e avanzou que no ano 2025 se desenvolverá un asistente virtual conversacional para axudar aos usuarios na realización de trámites e no emprego dos servizos dixitais que ofrece a aplicación Sergas Móbil.