A comercializadora de RDG venderá o 100% da enerxía en Galicia, con descontos do 50% para os veciños das zonas próximas aos proxectos renovables
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, adiantou hoxe que RDG Comercializadora Galega de Enerxía venderá o 100% da enerxía a consumidores galegos, tanto particulares como empresas e industrias,-“sempre a un prezo máis barato que o prezo de mercado”, dixo- que se poderán beneficiar dun desconto medio do 50% sobre o prezo do mercado no caso da veciñanza que vive próxima a infraestruturas de xeración renovable.Nunha visita ás instalacións da sociedade Recursos de Galicia, en Santiago, Lorenzana adiantou que, no caso dos particulares, os primeiros beneficiarios destas condicións estarán nun radio próximo a onde estea instalado, por exemplo, un parque eólico, ou mesmo en concellos limítrofes. No que respecta ás empresas e industrias, explicou que o obxectivo é democratizar o acceso a un prezo eléctrico máis competitivo, para o cal a comercializadora ofrecerá contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) a todo tipo de empresas. “Queremos que poidan acceder a prezos máis baratos a través destas figuras de PPA coa comercializadora de RDG desde os autónomos, ás pemes ou as micropemes, e non só as grandes industrias”, apuntou.
Neste sentido, subliñou que canto antes se desbloquee o despregamento das renovables en Galicia, incluída a eólica mariña -que vai supoñer un salto cualitativo en xeración renovable-, máis se poderá ampliar o conxunto de beneficiarios que poidan acceder ás vantaxes desta nova comercializadora.
RDG, que en catro meses podería ter listos os trámites para a constitución da súa comercializadora, xa está a negociar con operadores do sector a incorporación á compañía de volumes de enerxía que permitan iniciar operacións en 2025. Ao respecto, indicou que se está traballando en fórmulas de adxudicación, que primarán, entre outras cousas, factores como o emprego por kWh ou o Valor Agregado Bruto (VAB) por kWh.
Única en España
A conselleira sinalou que o que diferencia a comercializadora galega doutras que xa están en funcionamento en España, é a participación público-privada e o feito de que cubra toda a cadea, desde a produción ata a comercialización, e un conxunto de colectivos beneficiarios tan amplo, ao ser tanto particulares como pequenos autónomos, microempresas, pemes e grandes empresas. “Esta comercializadora é a primeira e a única en todo o Estado español”, subliñou.
RDG Comercializadora Galega de Enerxía é 100 por cento titularidade de RDG, a sociedade na que participa a Xunta de Galicia xunto cun 70% de capital privado, lembrou Lorenzana, que aludiu a RDG como un instrumento que será moi útil para a aplicación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que se aproba este mes (Lei de Recusos Naturais).
Trátase dunha normativa, abondou, que, ao igual que vai facer a nova planificación eólica, regula a obrigatoriedade dos promotores de proxectos vinculados cos recursos naturais de Galicia a repercutir no territorio unha parte dos seus beneficios. E, nese sentido, desde o momento en que RDG pon en marcha esta comercializadora, calquera empresa asociada vai poder xustificar o cumprimento do establecido na lei.
Esta comercializadora galega de enerxía “é un dos tres instrumentos chave para a política enerxética do Goberno galego ao longo desta lexislatura: a propia Lei de Recursos Naturais; a planificación dos recursos naturais e nomeadamente a planificación eólica; e esta comercializadora”, explicou.
Neste marco, a titular de Economía e Industria sinalou que “a nosa política enerxética parte de dúas premisas, avanzar na autonomía enerxética, e que nese avance consigamos abaratar a enerxía dos fogares galegos e das industrias e das empresas de Galicia”, destacou. En definitiva, “estamos empregando unha política enerxética social, esta é a base que está na Lei de Recursos Naturais de Galicia, transformar o aproveitamento dos recursos naturais nunha riqueza social”, dixo.
R.



