Galicia e Portugal conmemoran unha década de cooperación científica e académica

Desde o eido académico, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, salientou na súa intervención que “o futuro das nosas sociedades, de Galicia e do norte de Portugal, depende en gran medida do que sexamos quen de construír a través do coñecemento” e neste senso apuntou que o programa Iacobus constitúe “unha realidade que nos beneficia a todos” e que ten “impacto social”. Lembrando a importancia do traballo conxunto para acadar obxectivos máis ambiciosos, o responsable académico subliñou que desde o punto de vista das universidades participantes “podemos estar enormemente orgullosos” do traballo feito en Iacobus ao longo desta década. Do mesmo xeito, Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, puxo en valor o feito de que este programa é “un logro inédito a nivel europeo” que difumina e elimina barreiras entre dous países. Igualmente incidiu na importancia de cooperar no eido científico e académico para afrontar problemas comúns que comparte a eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
Pola súa banda, António Cunha, presidente da CCDR Norte (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte-Portugal), recalcou que a celebración destes dez anos supón “un momento importante da cooperación” entre Galicia e Norte de Portugal e gabou os resultados do programa Iacobus. O responsable institucional apostou por “profundar nas dinámicas de cooperación” nun momento no que a eurorrexión “procura encontrar un futuro de modernidade”. Por último, Nuno Almeida, director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP-AECT), entidade que xestiona o citado programa, subliñou igualmente que Iacobus “é un programa de grande éxito”, que ten contribuído a fomentar a cooperación eurorrexional, e apuntou a importancia de que siga medrando esta cooperación en coñecemento “nun mundo cada vez máis global”.
Balance, experiencias e novas incorporacións
Tras a inauguración oficial e nun acto presidido por Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, tivo lugar a sinatura de incorporación de novos centros tecnolóxicos ao programa Iacobus, concretamento do Centro de Tecnologia e Inovação Industrial (CiTin) e do Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura. De seguido, Emídio Gomes, expresidente da CCDR-Norte e reitor da UTAD, explicou a orixe deste programa, e Xosé Lago, subdirector do GNP-AECT, e Ángel Miramontes, director da Fundación CEER, fixeron balance del e falaron das súas perspectivas de futuro. Unha mesa redonda sobre a visión das institucións implicadas no programa Iacobus e outra sobre as experiencias de participantes nesta iniciativa pecharon o programa deste primeiro congreso.
Na actualidade 39 entidades galego-portuguesas de educación superior, centros tecnolóxicos e fundacións biomédicas participan no programa Iacobus. Entre elas están as tres universidades públicas galegas (Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela), así como as universidades lusas de Porto, Minho, Trás-Os-Montes e Alto Douro, Católica Portuguesa e os institutos politécnicos de Porto, Viana do Castelo e Bragança. Nesta década de existencia, indican desde a organización do congreso, a iniciativa destinou máis de dous millóns de euros a financiar estadías de investigación (máis de 1400 desde o seu inicio), patentes e artigos conxuntos publicados en revistas científicas, contando co apoio da Unión Europea a través do Programa Interreg, concretamente do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal (Poctep), que achega ata o 75% do investimento.
R.