As catro provincias galegas incrementan as súas vendas ao exterior en 2021 contribuíndo ao récord histórico de Galicia

Neste contexto, Guldrís detallou os sectores con máis peso nas exportacións galegas, entre os que resaltou o papel do téxtil, cun “crecemento significativo” ao acumular 5702 millóns, o que supón un 30,3% máis que con respecto ao 2020; a automoción, que amosa unha cifra acumulada no conxunto do ano de máis de 7041 millóns (+4,6%); a industria do metal, que supera os 1865 millóns (+52,8%), e o sector agroalimentario, con preto de 3.527 millóns e unha suba de case o 14% en relación ao 2020.
Unhas industrias ás que engadiu o bo comportamento do naval, cun incremento interanual do 66,8% que lle permite superar os 583 millóns, e o aeroespacial, un sector emerxente que medra un 83,2%, situándose por riba dos 18 millóns.
Guldrís detallou tamén o número de empresas galegas que exportaron durante o pasado ano, que acadou un novo récord situándose en 9360, un 31,5% máis que no 2020. En canto ás exportadoras regulares –as que venderon produtos ao exterior nos últimos catro anos de forma consecutiva-, medraron en 44 empresas e acadaron as 2563.
A mellor balanza comercial
Neste marco, o director do Igape destacou tamén que o incremento das exportacións permite a Galicia “contar coa mellor balanza comercial de España en termos absolutos”, cun saldo positivo de 5154 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas no último exercicio. Unha situación que contrasta co conxunto estatal, que continúa en números vermellos (-26.177,9M€), case duplicando o déficit con respecto ao ano anterior.
“Con este novo fito, Galicia aséntase como un referente, supoñendo o 8% do total das exportacións estatais, e liderando, xunto ao País Vasco, as comunidades autónomas que claramente marcan o ritmo no norte de España”, expuxo Guldrís, quen tamén afondou nos principais destinos nas vendas ao exterior da Comunidade.
Entre estes, puxo de relevo as importantes subas das exportacións a países menos tradicionais como Grecia (+58,5%), Países Baixos (+37,2%), Bélxica (+33,8%), Polonia (+32,4%), Marrocos (+66,1%) ou Chile (+85,8%). Unhas cifras que complementan aos destinos máis tradicionais como Francia, primeiro mercado exportador con 5206 millóns (+2,1%); Portugal, que suma preto de 3250 millóns (+19,1%); ou Italia con 2437 millóns (+38,7%).
Así mesmo, no referente a China, as exportacións en 2021 sumaron 209 millóns (+11,5%), mentres que as vendas ao exterior galegas con destino Estados Unidos seguen a recuperar unha tendencia positiva: a cifra do ano pasado alcanza os 680 millóns, producíndose un aumento do +63,5% en comparación co 2020.
O apoio da Xunta de Galicia
Na procura de acompañar este traballo das empresas no actual contexto e de contribuír á súa recuperación económica, a Xunta de Galicia conta cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025 para facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
A Estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período 2021-2023 que suma máis de 70 millóns de euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.
A través desta Estratexia, a Xunta de Galicia aspira a manter e reforzar a súa colaboración co tecido produtivo galego, mellorando a súa competitividade a través da internacionalización e a dixitalización.
R.