Galicia sitúase entre as comunidades que superan os 40 doantes por millón de habitantes, un punto por riba da media nacional

Doantes de órganos
O número de doantes de órganos cadáver en Galicia situouse en 112 (69 na provincia da Coruña, 11 na de Lugo, 11 na de Ourense e 21 na de Pontevedra); dato que supón unha taxa de 41,6 doantes por millón de habitantes, un punto por riba da media nacional.
No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (72%), seguidos da encefalopatía anóxica por parada cardíaca (15%) e dos traumatismos craneoencefálicos por accidentes non de tráfico (9%) sendo a porcentaxe de doantes por accidente de tráfico de tan só un 2%. Con respecto á idade media do doante, esta foi de 60,3 anos.
Desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o 2021, que foi cando o programa cumpriu 40 anos, téñense rexistrado máis de 3.000 doantes de órganos en Galicia.
Índice en descenso
A porcentaxe de negativas familiares situouse no 2021 nun 16%, o que confirma a tendencia descendente das mesmas. Así mesmo, salientar que, actualmente, 119.687 persoas teñen a tarxeta de doante de órganos en Galicia. Destas, 1.681 son novas tarxetas rexistradas no 2021 pola Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS.
Polo que se refire á doazón de medula ósea, apuntar que Galicia rexistrou 786 novos doantes. Deste xeito, contamos con 13.237 doantes rexistrados no REDMO. Hai que destacar o número importante de rexistros pese ás limitacións debidas á pandemia.
Programa educativo
Doutra banda, sinalar que a Coordinación Autonómica de Transplantes impartiu 51 charlas a escolares no curso académico 2020-2021 para fomentar a doazón, e nas que tomaron parte un total de 1.526 escolares. Ademais, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 373 escolares e 29 docentes.
No pasado curso escolar fallouse o VI Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o III Concurso de Carteis relacionado coa doazón e os transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.
Actividade formativa
A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializada en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón, con formación a 28 profesionais sanitarios; e cursos sobre proceso de doazón e transplantes onde xa levamos formados a máis de 3.000 profesionais en 110 cursos.
Salientar, ademais, a organización dunha xornada sobre doazón de órganos en asistolia controlada, na que participaron integrantes do colectivo xudicial, membros dos comités de ética asistencial, coordinadores de transplantes e responsables das unidades de Anestesia e Reanimación, así como o cuarto curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos, e no que tomaron parte máis de 300 profesionais.
O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue queren facer un recoñecemento público aos doantes e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan na nosa comunidade.
R.