Galicia avoga por estender a Estratexia Marítima Atlántica ás rexións británicas na asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico

Máis alá do aspecto marítimo, este foro que reúne rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España continúa a reivindicar a necesidade de que a Estratexia Marítima Atlántica evolucione hacia unha macrorrexión atlántica seguindo o exemplo das xa existentes, como as do Mar Báltico, o Danubio ou os Alpes. Este novo instrumento permitiría reforzar a dimensión política e de cooperación no seno da conca marítima, implicar máis ao nivel rexional e vincular os desafíos marítimos cos ligados ás zonas de interior.
A Comisión do Arco Atlántico invita aos Estados membros a que dean mandato á Comisión Europea para desenvolver esta nova macrorrexión. Na reunión, esta demanda recibiu o apoio da Presidencia portuguesa do Consello, o Parlamento Europeo e do secretario de Estado de Asuntos Europeos do Goberno de España, Juan González Barba.
Durante a súa intervención, o director xeral destacou o traballo que a rexión galega fixo, ao longo dos últimos catro anos, como coordinadora do grupo de traballo Brexit da CAA para transmitir as inquedanzas e demandas das rexións atlánticas a raíz da saída do Reino Unido da UE. Neste sentido, Gamallo avogou pola inclusión do Reino Unido dentro do espazo de actuación da estratexia marítima. Ademais, mostrou a súa confianza en que o Plan de Acción Atlántico 2.0, posto en marcha hai uns meses, dea lugar a proxectos comúns emblemáticos na cunca marítima.
Comisión do Arco Atlántico
A Comisión do Arco Atlántico é unha das seis comisións xeográficas da Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas. Con aproximadamente 60 millóns de habitantes, representa o 12% da poboación europea. As rexións atlánticas comparten un litoral atractivo, que garante unha alta calidade de vida e brinda grandes oportunidades a sectores como o transporte marítimo, as enerxías mariñas ou a construción naval. Pero este potencial tamén representa un desafío ambiental, social e económico, ademais de que a súa situación periférica representa un reto en termos de planificación do territorio e desenvolvemento económico. Galicia forma parte deste foro atlántico dende a súa constitución en 1989.
R.