USC, UVigo e Universidade de Aveiro preverán os recursos necesarios contra a COVID-19 a través de modelos matemáticos

Hai xa case dous meses que este grupo de investigadores adiantou como sería a expansión da pandemia da COVID-19 en Galicia. Baseándose na análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, así como por Iván Area da Universidade de Vigo, e Faiçal Ndaïrou, das Universidades de Vigo e Aveiro, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril, data prevista para as eleccións galegas, que finalmente houbo que adiar.
Coa incorporación de Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri da USC, así como de Cristiana Silva da Universidade de Aveiro, este equipo de científicos presentou a proposta que vén de ser concedida para o control da epidemia á FCT e á Agência de Investigação Clínica e Inovação Biomédica (AICIB) de Portugal, no marco da liña excepcional 'Research 4 COVID-19'. Este financiamento obtense no marco dunha convocatoria altamente competitiva, onde unicamente acadaron financiamento 66 das 302 propostas presentadas, é dicir, na que houbo un 22% de taxa de éxito.