Galicia pechará 2019 coas exportacións por riba dos 21.000 M€ por terceiro ano consecutivo

Cividanes resaltou o incremento das vendas ao exterior en novembro de 2019, no que as exportacións subiron 6,6% con respecto ao mesmo mes de 2018, acadando un volume total de 2110 millóns de euros. Galicia situouse así como a terceira comunidade na que máis medraron as vendas, despois das Illas Baleares e do País Vasco. De continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior superará por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.
Lembrou tamén que a evolución da marcha das exportacións galegas a nivel global está en gran medida determinada pola evolución dos sectores téxtil e da automoción, que ao comezo de 2019 viviron unha tendencia negativa que evoluciona cara a un volume de exportacións máis en sintonía cos anos precedentes.
Como reflicten os datos do período xaneiro-novembro do pasado ano, a nosa comunidade é a sexta comunidade en volume de exportacións, por detrás de Cataluña, Andalucía, Valencia, Madrid e País Vasco, e mantén un peso do 7,6% no total das vendas ao exterior españolas. Ademais, nese período a balanza comercial galega tivo un superávit de 2052 millóns de euros, que contrasta co saldo negativo a nivel estatal, no que a diferenza entre as importacións e as exportacións provocou un déficit de 29.885 millóns de euros.
Sobre as vendas por países, Cividanes salientou os resultados que están dando os esforzos das empresas galegas por abrir novos destinos e subliñou os incrementos nas exportacións a China, que rexistraron unha suba do 28,1% con respecto ao mesmo período de 2018; a Estados Unidos, cun ascenso do 6,1%; e África, cun 7,1%. Xa en Europa, destacou o incremento das vendas a Suecia, que acadou o 13,2%.
O director do Igape puxo énfase no incremento no número de empresas exportadoras regulares, é dicir, aquelas que exportaron durante os últimos catro anos de xeito consecutivo. Ata novembro do pasado ano o seu número ascendeu a 2534, un 1,8% máis que no mesmo período de 2018. Salientou tamén que o número total de empresas exportadoras superou de novo as 6000, acadando as 6808.
Con respecto ás exportacións por sectores, no período de referencia as vendas de máquinas e aparellos mecánicos rexistraron de novo un incremento, neste caso do 11,4%; a industria química e a agroalimentaria aumentaron de novo as súas exportacións, con subas do 4,2% e 2,6% respectivamente.
Un novo impulso á internacionalización dixital
Para acompañar o traballo das pemes galegas para a súa internacionalización, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar unha nova liña de apoios, da que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica as bases, e que permitirá ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras na promoción das exportacións a través de novas canles de comercialización.
Cunha dotación de dous millóns de euros, o Galicia Exporta Dixital vén dar resposta á demanda crecente das compañías galegas para acometer este tipo de procesos. Apoiarase tanto o deseño de plans de internacionalización dixital e adquisición de software, como a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais.
Esta nova iniciativa reforza os programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios. As tres liñas contarán nesta nova edición con 11,2 millóns de euros, un 40% máis que na anterior convocatoria, co obxectivo de que este ano e o próximo 1200 pemes poidan acceder e medrar nos mercados internacionais e que promoverán a diversificación dos destinos das vendas. Xunto co plan Foexga, están a promover na actualidade 424 accións conxuntas en máis de 100 países nas que participan máis de 1300 pemes.
R.