Galicia é a comunidade na que máis baixa o paro no último ano superando á media do Estado en máis de catro puntos

Na evolución anual, Toca explicou que o paro baixa en 14.816 persoas, é dicir, nun -8,71%, o que supón que Galicia xa suma seis anos consecutivos de caída do paro nun mes de xuño. Ademais, a cifra sitúa á Comunidade galega en niveis de paro inferiores aos de hai unha década.
A creación de emprego, ademais, continúa en crecemento. A Comunidade volve a superar o millón de cotizantes á Seguridade Social, situándose en 1.025.192, a cifra máis alta desde agosto de 2010.
O desemprego, ademais, baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: as mulleres (-8,05%), os parados de longa duración (-15,34%) e os menores de 30 anos (-9,75%). A secretaria xeral de Emprego subliñou que entre os menores de 30 anos o paro caeu nun 58,68% nos últimos 11 anos (desde xuño de 2009), reducíndose en máis da metade. Con respecto aos parados de longa duración, apuntou que 9 de cada 10 persoas que saíron do paro no último ano pertencen a este colectivo. A cifra de mulleres desempregadas é inferior á que había en xuño de 2008, o ano de inicio da crise económica.
O paro tamén descendeu nas catro provincias galegas e nas 7 grandes cidades. Con respecto ás provincias, Lugo lidera o descenso (-10,29%), seguida da Coruña (-9,35%), Ourense (-8,88%) e de Pontevedra (-7,60%).
A caída do paro rexistrouse, así mesmo, en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-16,73%), seguida da agricultura e pesca (-9,69%), da industria (-8,53%) e dos servizos (-7,42%). Toca indicou que no sector industrial, o paro continúa descendendo de xeito ininterrompido desde febreiro, é dicir, durante os últimos 5 meses. Ademais, os principais motores da industria galega rexistraron unha redución nos seus niveis de desemprego no último ano.
Na evolución mensual, o desemprego descendeu, as afiliacións creceron e a contratación aumentou. O paro caeu nun 3,46%, superando ao Estado en 1,39 puntos. As afiliacións increméntanse nun 0,67%, a maior ritmo que no Estado. Galicia rexistrou 6.787 afiliados máis no último mes, o que supón 226 ao día. O crecemento nas afiliacións supera outra vez á cifra de redución de paro en máis de 1200 persoas. Con respecto ao mes pasado, a contratación tamén aumenta, nun 3,76%, crecendo a indefinida e a tempo completo, mentres que no Estado a contratación diminuíu nun 3,21%.
A importancia da formación
Toca sinalou, ademais, que un 41,30% das persoas sen emprego posúen só o certificado de escolaridade polo que incidiu na necesidade de seguir apostando por unha formación para o emprego dual (con compromiso de contratación), de calidade e adaptada á demanda do tecido produtivo. “Unha cualificación axustada ás necesidades reais do tecido produtivo incrementa as oportunidades laborais”, engadiu.
Neste contexto, a secretaria xeral de Emprego explicou que a Xunta está a traballar para que Galicia poida contar coa mellor xeración de traballadores e traballadoras cualificados. O obxectivo, segundo apuntou, é seguir traballando por unha Galicia máis preparada que favoreza o emprego de calidade. Así, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria reforzará a súa aposta por unha formación flexible, á carta e dual para contar con traballadores máis preparados capaces de adaptarse aos novos retos.
Apoio aos autónomos
A secretaria xeral de Emprego na visita que desenvolveu á empresa Spa AYC Bienestar Galicia, participante nos programas da Xunta de apoio aos autónomos, subliñou que a Xunta continuará apoiando aos autónomos a través da Estratexia 2020. Neste ámbito, avanzou que hoxe mesmo sae publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas do Bono Autónomo con apoios de ata 3000 euros para incrementar a competitividade deste colectivo.
R.