Galicia acollerá en 2020 a sexta edición da feira Unvex, o principal foro da industria dos drons a nivel internacional

Argerey fixo este anuncio no marco da feira XPONENTIAL 2019, a principal cita internacional no ámbito da industria dos drons, que tivo lugar en Chicago do 30 de abril ao 2 de maio, á que asistiu a Xunta con empresas e centros tecnolóxicos que participan no Polo aeroespacial de Galicia co obxectivo de xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na iniciativa, contribuír a posicionar Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil.
Unvex 2020: centrado nos servizos públicos
Nesta edición, o evento estará centrado nun mercado emerxente, o dos servizos públicos, xa que cada vez máis as administracións demandan solucións tecnolóxicas e eficientes para ofrecer mellores servizos aos cidadáns en ámbitos como a protección do medio ambiente, a vixilancia costeira, o rescate, as emerxencias, saúde e seguridade, infraestruturas ou acceso a áreas remotas, entre outros. Neste eido, Galicia é pioneira a nivel europeo no lanzamento dunha iniciativa estratéxica para atraer investimento cara o sector aeroespacial e desenvolver un Polo tecnolóxico e industrial arredor dos sistemas e vehículos non tripulados, co obxectivo último de responder a retos actuais do sector público optimizando a prestación dos servizos á cidadanía, empregando a ferramenta da Compra Pública Innovadora (CPI).
Unvex 2020 persegue impulsar o uso de vehículos non tripulados para usos civís. Ofrecerá a posibilidade de escoitar a opinión de expertos que exporán as perspectivas de mercado, tecnoloxías e experiencias, así como debater sobre regulación e seguridade.
Dirixido a fabricantes, desenvolvedores de solucións, provedores de servizos e público xeral, o foro incluirá un programa con conferencias, debates e comunicacións técnicas para abordar todos os aspectos da aplicación de drons nos servizos públicos; unha área de exhibición para presentar todo tipo de equipamentos, sistemas ou servizos; demostracións de plataformas e sistemas no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR); e un programa de conferencias dirixido a prescritores e público xeral para difundir coñecemento e as posibilidades tecnolóxicas dos sistemas non tripulados para os cidadáns. Na anterior edición, en 2018, Unvex reuniu 4.676 profesionais durante os tres días e 3.597 visitantes.
R.