Galicia presenta a Estratexia de cambio climático e enerxía co obxectivo de que a Comunidade sexa o antes posible neutra en emisión de gases de efecto invernadoiro
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que Galicia conta xa cunha Estratexia de cambio climático e enerxía co fin de que a comunidade sexa o antes posible neutra en emisión de gases de efecto invernadoiro. “Estamos a falar dunha folla de ruta a longo prazo co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática en 2050”, dixo, precisando que o documento define catro ámbitos específicos de actuación.Logo de subliñar que as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia estímanse no ano 2016 en 27,9 millóns de toneladas de CO2 -un 4,7% por debaixo do ano 1990 e un 22,4% por debaixo do ano 2005-, e presentan un comportamento máis favorable que as emisións do conxunto de España no mesmo período –Galicia é a terceira Comunidade que máis está reducir as súas emisións respecto a 1990-, Feijóo destacou o compromiso de trazar unha estratexia, co conxunto dos galegos, para acadar os obxectivos que se marca a Xunta: reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do 25% en 2030 e de máis do 80% en 2050.
Para acadar esta meta, o responsable do Goberno galego subliñou que o sector primario e o medio natural serán piares fundamentais da solución. Non en van, os montes galegos suman unha superficie de máis de 2 millóns de hectáreas que representan un 56,6% do territorio da Comunidade.
Ademais, a estratexia aposta por un modelo enerxético baseado nas enerxías limpas e a mellora da eficiencia enerxética en todos os sectores, e avoga , tamén, por sumar esforzos das distintas administracións, empresas, entidades e da poboación, definindo obxectivos e distribuíndo responsabilidades.
“E apostaremos polo talento investigador e pola innovación na Comunidade para converternos nunha rexión exportadora de coñecemento”, aseverou, ao que engadiu que esta estratexia será o marco para que Galicia capte fondos para desenvolver actuacións fronte ao cambio climático á vez que xera novas oportunidades empresariais, abre novas liñas de negocio, fomenta o emprego verde e fixa poboación.
Tras meses de traballo, a Estratexia identifica catro ámbitos de actuación cos seus correspondentes obxectivos: dous deles establecidos pola axenda internacional -a mitigación para afrontar o cambio climático desde as súas causas e a adaptación-; e, outros dous definidos polo Goberno galego -a investigación e a innovación; e a educación, sensibilización e gobernanza.
En relación ao primeiro ámbito de actuación, Feijóo explicou que a mitigación, terá como obxectivo reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e aumentar a absorción de CO2.
A adaptación fixa tres retos principais: desenvolver e manter redes de observación e modelos climáticos adaptados a Galicia. Todo elo, a través de medidas entre as que se inclúen a elaboración dun estudo sobre a vulnerabilidade da costa ou a mellora dos sistemas de resposta ante eventos extremos.
No eido da investigación e innovación, o presidente da Xunta subliñou a importancia da transferencia de coñecemento activo e eficaz das medidas, para elaborar mapas de coñecemento e capacidades do territorio. E, no ámbito social, avanzou tres obxectivos principais: incidir na educación e concienciación social, garantir o compromiso da Administración pública galega e impulsar a gobernanza climática transversal.
Neste último eido, xa se teñen dado os primeiros pasos coa posta en marcha, a principios de ano, da Oficina do pacto dos alcaldes, na que se fixo unha inversión de 1 millóns de euros e da que forman parte xa 23 concellos e 15 están en proceso.
Así mesmo, cómpre salientar que as medidas clasificaranse segundo o seu estado de desenvolvemento en medidas en implantación, medidas en programación e medidas en estudo.
Plan operativo 2018-2023
Ao longo da rolda de prensa, Feijóo salientou que o Goberno galego conta xa co primeiro Plan operativo 2018-2023 que permitirá continuar e poñer en marcha máis de 120 medidas, coordinadas entre os distintos departamentos da Xunta.
Deste xeito, nos vindeiros anos, impulsaranse medidas como a elaboración dun mapa de carbono orgánico dos solos e fomentaranse medidas de seguimento; aprobaranse instrumentos de xestión integrada do litoral e un plan de adaptación de costas (portos) ao cambio climático; e avaliaranse os impactos sobre as poboacións mariñas, o visor descrito.
Feijóo destacou o traballo da Xunta nesta senda desde hai varios anos, con iniciativas xa en marcha como a rehabilitación da envolvente das vivendas de protección oficial para reducir as emisións de carbono; o plan de incentivos ás enerxía renovables; as axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética en diversos sectores, como o sector industrial, o pesqueiro e acuícola; ou as medidas destinadas á prevención e xestión de riscos derivados de catástrofes naturais, son outros exemplos de iniciativas que se levarán a cabo. E, de cara á fomentar a mobilidade e o transporte sostible, ademais da intermodalidade, poranse en marcha os Sistemas de transporte Intelixente, que incluirán redes intelixentes de semáforos, peaxes automáticos canalizados, pasando pola xestión integral de autopistas e túneles, ata o deseño de dispositivos intelixentes incorporados aos vehículos comerciais e de transporte de pasaxeiros.
Por último, e para a captura de carbono, desenvolveranse axudas destinadas á reforestación, ao fomento da silvicultura; e impulsarase a utilización de instalacións, equipamentos en común e maquinaria agrícola en réxime asociativo.
“En definitiva, Galicia ten o obxectivo de ter os documentos finais da Estratexia e do primeiro Plan Operativo e aprobación da estratexia en xuño de 2019, un feito que nos da credibilidade nos Fondos Europeos, nos da credibilidade no conxunto de España e tamén no comité de Rexións de Europa”, sentenciou.
R.



