O Sergas atende cada día un total de 7.000 urxencias, 3.000 delas nos servizos hospitalarios

Segundo detallou Almuiña, cando se produce un incremento da demanda realízase unha adaptación do modelo de asistencia co obxectivo de garantir a atención a todos os pacientes que acoden a estes dispositivos. Ademais, o Sergas dispón de plans de continxencia que recollen a planificación das accións a levar a cabo nos distintos centros.
O titular da carteira sanitaria destacou que o Sergas ten renovado e reforzado as infraestruturas dos servizos de urxencias e que seguen as melloras. Así, nos últimos anos, leváronse a cabo ampliacións e unidades de nova creación nos servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; no Hospital do Salnés; no Hospital Montecelo; na área de curta estadía das urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; así como no Hospital da Costa. Xunto con iso, implantáronse os protocolos para a atención de patoloxías tempo dependentes como o infarto, o ictus e a sepse.
Urxencias no Hospital de Santiago
No que atinxe en concreto á actividade asistencial do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Almuiña sinalou que nos nove meses do que vai de ano atendeu 116.772 urxencias, o que supón unha media diaria de 427, fronte ás 424 do ano anterior, destacando que para atender as urxencias de adultos conta cun coordinador, 44 facultativos, 70 enfermeiros, 44 auxiliares de enfermería, e 35 celadores, e si a demanda asistencial é moi alta refórzase con máis persoal segundo as necesidades. En canto á dotación do persoal de urxencias pediátricas, conta con 3 pediatras de garda, 7 profesionais de enfermería, 6 auxiliares e unha supervisora.
Ademais, o titular da carteira sanitaria de Galicia subliñou que tras a remodelación estrutural do servizo realizada en setembro pasado, que permitiu dotar de 7 boxes máis á área de Urxencias do CHUS, estase levando a cabo un estudo funcional de necesidades. A avaliación do mesmo a está a efectuar un grupo de traballo integrado por profesionais de Urxencias. “Isto non quita que nos servizos de urxencias tódolos días do ano esteamos a reavaliar as necesidades debido ao carácter da actividade urxente que, por definición, non é planificable”, remarcou o conselleiro.
Na súa intervención, Almuiña indicou que o Sergas conta con profesionais de alta cualificación e formación así como con infraestruturas e equipamentos de calidade, traballando con protocolos e sistemas de información que permiten o desenvolvemento do seu traballo nas mellores condicións.
Tamén incidiu na importancia da atención primaria, que foi quen de acadar un nivel de resolución de urxencias no seus Puntos de Atención Continuada do 91,2% no pasado ano. Destacou, tamén, outros programas do seu departamento que permiten que os pacientes non teñan que achegarse aos hospitais para ser atendidos, como é o TELEA ou a hospitalización a domicilio, ademais do traballo que realiza o 061.
R.