Galicia Calidade incorpora os viños da Adega Valdés ao selo de garantía

Coa incorporación desta nova compañía Galicia Calidade conta na actualidade con doce adegas certificadas, das cinco Denominacións de Orixe: Adega A Coroa,Adega dos Eidos, Adegas Tollodouro, Bodegas Nairoa, Bodegas Pazo Villarei, Bodegas Ruchel, Castro Baroña, Gargalo, Quinta do Buble, Regina Viaurm e Vilarvín, ás que se suma agora Valdés.
Os asistentes realizaron unha visita ás instalacións da adega acompañados do propietario da mesma, Manuel Valdés. O certificado de uso, con validez para os vindeiros tres anos, permitirá aos viños desta empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes así como noutras accións de promoción que estimen oportuno.
En concreto, Adega Valdés conta cos seguintes viños amparados pola marca de garantía Galicia Calidade: “Da viña Galega”, “Gundián”, “Inmortal”, “Mayor de Gundián”, “Señorío de Rozadela” e “Xiradella”. Uns caldos de alta calidade e con importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional.
Aposta pola calidade

A Consellería de Economía e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que conta con máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector vitivinícola.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia