O CIM únese a unha rede de servizos de investigación europeos destinados a abordar o cambio climático
O proxecto, Iniciativa de Servicios de Infraestructura de Investigación Integrada para Riesgos del Cambio Climático (Iriscc) celebrou esta semana a súa xuntanza de lanzamento na cidade finesa de Helsinki, coa participación do investigador do CIM Pablo Serret.O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 14,5 millóns de euros do programa Horizonte Europa, está deseñado para comprender, abordar e mitigar os riscos do cambio climático en Europa e ademais permitirá fomentar a investigación interdisciplinaria sobre os múltiples riscos relacionados co cambio climático para apoiar a formulación de políticas e a toma de decisións baseadas en evidencias e mellorar a resiliencia de Europa.
80 beneficiarios e entidades afiliadas de 21 países europeos
O cambio climático expón riscos para todo tipo de ecosistemas, que non están distribuídos de maneira uniforme. A UE é consciente da necesidade de datos precisos e oportunos sobre os riscos e perdas relacionados con este desafío para poder tomar medidas ambiciosas e, neste contexto xurde o Iriscc. Artellado como unha rede de redes, participan 80 beneficiarios e entidades afiliadas de 21 países, representando a 14 infraestruturas de investigación europeas complementarias e a máis de 80 provedores de servizos nacionais de infraestruturas de investigación.
O CIM forma parte do proxecto a través da Ecimat, como parte da infraestrutura de investigación europea EMBRC-ERIC (European Marine Biological Resource Centre). Concretamente, os investigadores Pablo Serret, Cristina Sobrino e María Aranguren traballarán nunha compilación de servizos que permita avaliar o risco sobre a biodiversidade e o funcionamento dos ecosistemas mariños causado pola acidificación, o quecemento e a desosixenación dos océanos. Así mesmo, tanto a Ecimat como investigadores e investigadoras do CIM ofrecerán os seus servizos para a realización de traballos colaborativos sobre os riscos do cambio climático e a súa mitigación a través de accesos transnacionais.
Como detalla o profesor Pablo Serret, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, "o enfoque explicitamente integrador, e inter e transdisciplinar proporciona excelentes oportunidades de networking para o CIM e para o seu persoal investigador nun tema da máxima prioridade científica e de xestión. Todo iso abre moi boas oportunidades de expandir as fronteiras da ciencia que facemos no CIM, así como a súa aplicación práctica. Ademais, promoverá a optimización da explotación das actuais infraestruturas do CIM (por exemplo, as instalacións de mesocosmos serán centrais) mediante a implicación, a interacción e o co-deseño de servizos integrados. Finalmente, Iriscc será unha excelente plataforma para a formación de novos investigadores e investigadoras e facilitará colaboracións transdisciplinares e a súa integración en redes internacionais”.
Ámbitos de traballo
Iriscc ofrece solucións innovadoras e ferramentas para a toma de decisións baseadas en evidencias, buscando acelerar a transición cara a un futuro máis resistente ao clima. As accións están centradas en tres ámbitos: a provisión de servizos, garantir a interoperabilidade e xestión de datos e involucrar activamente a todos os posibles usuarios e colaboradores das infraestruturas de investigación. Desta forma, lograrase crear un consorcio de infraestruturas de primeiro nivel, que proveerán servizos de investigación punteiros a través dun catálogo baseado nas necesidades establecidas no Pacto Verde Europeo, informes do IPCC, estratexias de Adaptación ao Cambio Climático da UE e Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Estes servizos, entre os que se atopan os da Ecimat como parte da infraestrutura europea EMBRC-ERIC (European Marine Biological Resource Centre), estarán dispoñibles para unha ampla gama de usuarios, ofrecendo acceso transnacional, virtual e remoto aos servizos, incluíndo instalacións experimentais e observacionais, capacidades de modelado e estrutura de datos.
Estes servizos son imprescindibles para avanzar na investigación, contribuíndo así á adaptación ao cambio climático, á neutralidade climática e á xestión informada dos recursos naturais. Desta forma, fomentarase a interoperabilidade entre infraestruturas de investigación europeas e nacionais, garantindo o acceso aberto aos datos.
Universidade de Vigo (UVigo)



