A misión BIXO, da UVigo, opta ao asesoramento da Axencia Espacial Europea a través do programa Fly Your Satellite!

“No programa Fly Your Satellite os grupos de estudantes de diferentes universidades europeas que se presentan, envían propostas de misión, baseadas no estándar CubeSat e son galardoados co asesoramento da ESA para o desenvolvemento da súa misión a nivel de deseño e coas facilidades das que dispón a Axencia Espacial Europea, como contornas de testado de satélites e outras infraestruturas das que dispoñen en Europa”, detalla Manuel Diz, director do proxecto, que lembra que a UVigo xa gañara un programa similar co satélite XaTcobeo, que incluía o lanzamento e co que en 2008 se empezou a desenvolver o programa da ESA con universidades. A decisión de concorrer a este programa responde, segundo as e os integrantes de UVigo Space Lab, a que a misión se atopa, neste intre, no cambio de fase de A a B, segundo os estándares ECSS, “e por iso nos interesa o apoio e asesoramento da ESA para pechar estas dúas etapas e conseguir nun prazo bastante rápido ir a unha CDR, o que se chama, desde un punto de vista de misión, unha revisión crítica do deseño completo”.
12 equipos na procura do asesoramento da ESA
Logo de redactar unha extensa proposta de misión con todas as análises do satélite, que incluía: tanto orzamentos térmicos, como enerxéticos; balance do enlace das comunicacións do segmento terreo co espazo e unha descrición do deseño preliminar da playload biolóxica do satélite, o equipo de UVigo SpaceLab foi seleccionado xunto a 11 de equipos de estudantes de universidades europeas, cos que se están a formar estes días e cos que se medirán, defendendo a súa misión ante os expertos da ESA. “Somos 12 equipos os que estamos en Holanda e que competimos para entrar no programa da ESA. Moitos dos equipos están formados por máis de 150 estudantes, como o do Politécnico de Milano ou outros que xa lanzaron satélites, como o da Universidade de Noruega”, sinala Diz, que se amosa convencido das posibilidades do equipo da UVigo para entrar no programa, “polo estado de madurez da nosa proposta actual, na que levamos traballando desde hai dous anos. Ademais, ao ter pechado o lanzamento coa Academia chinesa de tecnoloxía de vehículos de lanzamento, o que ademais animou a novas empresas e institucións a unirse ao proxecto, temos moitas posibilidades de entrar no programa”.
Ata este venres, en sesións de mañá e de tarde, sete integrantes do equipo vigués (Martín Blanco, Lorena Conde, Guillermo Calvo, Santiago Esparis, Alejandro Camanzo, Ismael Rodríguez e Xavier de Rada) están a recibir formacións específicas sobre o desenvolvemento de misións espaciais, campañas de certificación, deseño de interfaces, xestión e operación de satélites, coas que a ESA busca que melloren a proposta enviada inicialmente. Rematada a semana de formación en Holanda, o equipo deberá enviar de novo a proposta de misión BIXO con todas as modificacións indicadas pola ESA. “Unha vez enviada, durante un período de dúas semanas realizarán as análises desas modificacións e solicitarán unha presentación da misión final ante os xuíces, na que se decidirá finalmente quen entra neste programa da ESA para poder deseñar e crear o seu satélite con expertos de máximo nivel da Axencia”, detalla Manuel Diz, que destaca a presenza nese grupo de expertos como o exalumno da EE de Telecomunicación da UVigo e participante nas misións XaTcobeo, Serpens, Lume ou Humsat-D,Franco Pérez Lissi, actual responsable de varias misións con Cubesats da ESA.
Universidade de Vigo