Máis de 200 expertos de 50 países converten Vigo na capital mundial da análise da economía e o comercio pesqueiros

As universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Cantabria participan na organización do simposio que, ademais de proporcionar un foro internacional para o intercambio de investigación e información na economía da pesca e a acuicultura, a xestión de recursos mariños e o comercio de alimentos de orixe mariña, tamén será o escenario no que se presenten resultados empíricos da investigación económica que animen á participación activa de académicos, representantes da industria alimentaria, responsables públicos das políticas de xestión pesqueira, produción, mercados e comercio e membros de organizacións non gobernamentais. “Se hai algo importante desta iniciativa, falando en perspectiva académica, é participar na dinámica (a escala mundial) dun foro aberto de carácter socioeconómico e científico, onde se comparten (e discuten) coñecementos e experiencias. E isto é enriquecedor. Como o é tamén a participación en proxectos específicos e investigacións ou outras iniciativas máis puntuais”, explican os docentes e investigadores do Departamento de Economía Aplicada da UVigo e de Ecobas, Dolores Garza e Manuel Varela, que sinalan que o IIFET dirixiuse a eles e tamén a outros socios españois co obxectivo de organizar conferencia, para o que se acadou un acordo de cooperación coa UDC (Fernando González Laxe), USC (Sebastián Vilansante) e coa Universidad de Cantabria (José Luis Fernández-Polanco).
Un amplo abano de temas baixo diferentes perspectivas
Na conferencia, que esta tarde celebrou o denominado The Industry and Policy Day, no que se deron cita investigadores, industria e lexisladores, baixo o título Valoración e xestión dos servizos ecosistémicos mariños e pesca artesanal, abordaranse ata o venres un amplo abano de temas baixo diferentes perspectivas: gobernanza e sistemas de xestión (co-management, xestión por ecosistemas, dereitos de pesca e equidade); modelización e análise cuantitativa (bioeconomía, ecoloxía e economía, teoría de xogos); mercados e consumo (cadeas de valor, certificacións, trazabilidade, comportamento das e dos consumidores); diversidade produtiva e desenvolvemento (pesca a pequena escala e en alta mar e recursos transfronteirizos, acuicultura integrada, pesca recreativa); impactos ambientais e tecnolóxicos (cambio climático, novas tecnoloxías) e, achegas sobre cuestións de xénero na actividade específica no medio mariño.
“Podemos dicir que a cuestión clave é a xestión sostible e isto lévanos a dúas cuestións, a ás súas interrelacións: os ecosistemas mariños e os sistemas de gobernanza no medio mariño. Pero arredor diso hai moitas cuestións, algunhas máis técnicas e outras máis sociais”, detallan os investigadores da UVigo, que destacan que nesta edición da conferencia haberá unha achega moi significativa de traballos en materia de xénero e a súa significación nas actividades marítimo pesqueiras.
A sesión Industry and Policy Day celebrada esta tarde e organizada por DGMARE (Comisión Europea) e a FAO, contou coa participación de altos representantes de ambas as dúas institucións. Esta primeira sesión da conferencia pechouse cun acto de inauguración institucional no que interviñeron o presidente do IIFET; o director adxunto DGMARE (Comisión Europea); o director xeral de Estruturas e Mercados de la Secretaría General de Pesca do Ministerio; a conselleira do Mar; o alcalde de Vigo; o reitor da UVigo e o delegado da Zona Franca de Vigo.
Seis conferenciantes principais seleccionados entre os mellores do mundo
A Conferencia do International Institute of Fisheries Economics and Trade conta na súa 20ª edición coa participación de seis conferenciantes principais, seleccionados entre investigadoras e investigadores relevantes a nivel mundial no ámbito do estudo marítimo-pesqueiro. “Non foi doado seleccionar porque había outros igualmente importantes, pero, dadas as limitacións habituais, buscouse equilibrar en temáticas e procedencia, e achegar tamén algunha variedade respecto de anteriores edicións”, sinalan Garza e Varela, que lembran que os profesores Ragnar Arnason ou Rashid Sumaila estiveron varias veces en Vigo e Galicia, con Jon Sutinen ou Juan Carlos Seijo, ou persoas da súa contorna compartiron iniciativas e Martin Smith ou Gunnar Knapp son persoas de referencia no ámbito do IIFET.
Por outra banda, preto de 30 investigadores e investigadoras de todo o mundo presentaron propostas para liderar sesións temáticas específicas neste congreso, que na súa fase regular, e dado o número de asistentes e a diversidade temática, se desenvolverá en varias sesións simultáneas cada día en aulas con capacidade media para unhas 50 persoas.
Universidade de Vigo