Galicia, referente do emprendemento biotecnolóxico en BioGalicia Summit

O evento previsto para o día 3 de marzo, con sesións de mañá e tarde, complementarase coa posibilidade de concertar reunións do día 2 ao 4, a modo de xuntanzas de ‘networking’ que sirvan para poñer en contacto os actores deste ámbito co obxecto de canalizar a investigación cara o mercado e as empresas, explorar novas oportunidades de colaboración entre compañías e abrir nichos de mercado desenvolvendo conxuntamente iniciativas innovadoras.
Dentro do programa de BioGalicia Summit, o mesmo día 3 de 12.00 a 14.00 horas terá lugar BioInvestorsDay, un punto de encontro privado que servirá para que as empresas biotecnolóxicas incubadas presentes os seus proxectos a axentes da comunidade inversora con interese en colaborar no desenvolvemento de proxectos empresariais de impacto. Durante a xornada, desenvolverase unha mesa redonda na que se dará a oportunidade de escoitar opinións de especialistas no sector sobre as megatendencias de inversión en biotecnoloxías do sector saúde e alimentarias.
Entre outros axentes, está prevista a participación da compañía galega Zendal ou Estrella Galicia pola súa capacidade innovadora en biotecnoloxía aplicada á agroalimentación. Tamén participarán entidades que apostan pola dixitalización como DATAlife, Galacteum, AMSlab e Gradiant, ou compañías que tratarán as tendencias na aplicación da biotecnoloxía como Archer Daniels Midland (ADM), do ámbito da agricultura e Merck KGaA, do ámbito da saúde. A mesma cita servirá, por outra banda, ás sociedades especializadas en capital risco Semola Tech Ventures, Unirisco, CRB Inverbio e UCB Ventures.
BioIncubaTech
BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento ( AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e coa participación da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste senso, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia puxo en marcha para o período 2021-2025.
Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo Plurirregional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto "Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE" - Cofinanciado polo FEDER nun 80% co lema ‘Unha maneira de facer Europa’.
Universidade de Santiago de Compostela