Un equipo da USC colidera un estudo global para deter a perda de biodiversidade e xerar cambios transformadores

Dende agora e ata finais de 2024, o profesor Villasante da USC coordinará un grupo de expertos de carácter interdisciplinario a nivel mundial, en concreto, o Capítulo 2, titulado ‘Visións dun mundo sustentable para a natureza e as persoas’, dentro do documento global que avaliará as causas de perdas de biodiversidade e os determinantes dos cambios transformadores que contribúan, de aquí a 2050, a conseguir un planeta no que “vivir en harmonía coa natureza”.
O actual plan de traballo do IPBES, que se desenvolverá ata 2030, procurará “comprender e identificar os factores que nas sociedades humanas, tanto a nivel individual como colectivo, poden ser aproveitados para acadar un cambio transformador na conservación, restauración e uso racional da biodiversidade, tendo á vez en conta os aspectos sociais e económicos máis amplos no contexto do desenvolvemento sostible”, segundo destaca esta entidade.
2050: cambios profundos para conservar a biodiversidade
Entre 2011 e 2020, o Plan Estratéxico para a Diversidade Biolóxica impulsado polas Nacións Unidas estableceu a Visión 2050 para a Biodiversidade, que se uniu aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030. Este plan a longo prazo agarda que, para mediados do século XXI, as sociedades humanas poidan “vivir en harmonía coa natureza”, nun escenario desexable no que “a biodiversidade é valorada, conservada, restaurada e utilizada de forma racional, mantendo os servizos dos ecosistemas e un planeta san, ao tempo que se brindan os servizos esenciais para o benestar das sociedades”.
No marco deste obxectivo, tal e como explica o profesor Sebastián Villasante, “o primeiro informe de avaliación global do IPBES, publicado en 2019, concluíu que as previsións de perda de biodiversidade para as próximas décadas obrigan a facer cambios transformadores, mesmo radicais, na nosa relación cos servizos dos ecosistemas en todo o planeta”.
O devandito informe instaba a actuar de forma decidida contra algúns dos factores que máis están a impulsar as alteracións na natureza e perda de biodiversidade, como os cambios no uso da terra, o cambio climático, a contaminación, a propagación de especies exóticas invasoras e a explotación directa dos organismos para o aproveitamento en actividades humanas. “Estes problemas afectan a todas as esferas da sociedade, polo que é necesario estudar a situación dende todos os enfoques (científico ou tecnolóxico, pero tamén económico, legal, político, social, cultural, ou ecosistémico, ente outros) e en todas as escalas de actuación, desde o local ao global”, engade o profesor Villasante. “Son accións dunha gran complexidade e que requiren dunha gran vontade de diálogo e consenso, xa que posiblemente haberá que integrar intereses de partes que, de partida, poden ser contrapostos”, sinala.
Así, a consecución deste escenario para 2050 deberá ter en conta diversas dinámicas socioecolóxicas como a desigualdade, a gobernabilidade, a restauración, conservación e uso sostible da terra, do mar, a auga, a enerxía ou os materiais. Estes cambios transformadores obrigan a repensar e modificar, por tanto, os hábitos de produción e consumo, os sistemas alimentarios e as cadeas globais de valor.
Como coordinador do Capítulo 2, Villasante terá a responsabilidade, xunto co resto dos coordinadores, de que o informe cumpra cos máis altos niveis de calidade e diversidade, integrando as visións e perspectivas do coñecemento científico e tradicional garantindo que o traballo recolla de forma completa e coherente a evidencia dispoñible sobre os marcos conceptuais, metodoloxías e ferramentas políticas para xerar cambios transformadores desexables no planeta. Unha vez realizada a análise, o informe deberá avaliar cales son as accións que poderán fomentar, acelerar e manter estes cambios transformadores cara a un mundo máis sostible, marcando os pasos a seguir e como medir e seguir estes procesos.
Que é o IPBES?
O IPBES é unha organización creada en 2012 e conformada por preto de 140 países. Ten por obxectivo fortalecer a colaboración entre a investigación científica e as institucións políticas para a toma de decisións que garantan a conservación da biodiversidade e o uso sustentable dos servizos ecosistémicos (isto é, as contribucións que os activos naturais achegan ás persoas). No marco do proceso de diálogo e colaboración tamén toman parte un amplo número de representantes das ONGs, comunidades locais, o sector privado e a sociedade civil das distintas rexións do planeta, co obxectivo de obter un amplo marco de coñecemento da realidade. Unha das súas liñas de traballo consiste na elaboración de informes, como o que agora está en marcha, para contribuír á toma de decisións e a adopción de políticas baseadas no coñecemento dispoñible e na evidencia científica.
Universidade de Santiago de Compostela