Galicia participa na reunión do Comité de Ministros da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa na que España ingresa como Estado asociado

Dende hai case tres anos a Xunta de Galicia mantivo contactos co Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (MAEUEC) e directamente coa Secretaría Xeral da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en Lisboa co fin de acadar o obxectivo de poder participar na cooperación no ámbito da lusofonía, en cumprimento da ´´Lei Paz Andrade´´ e das previsións da Estratexia Galega de Acción Exterior de 2018 que logo se concretaron na Lei 10/2021, reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia.
Perante as negociacións do ingreso de España como Estado soberano na estrutura da CPLP, a Xunta fixo achega dos documentos necesarios preparatorios de adhesión a través dun Plan de Acción e dun Plan de Actividades, que constitúen a base para o traballo de futuro. Ademais, pediuse expresamente asegurar a nosa presenza nos grupos de traballo nos que teñan dereito a participar, en especial, no de lingua e cultura, relacións comerciais, pesca ou cooperación para o desenvolvemento.
Esta adhesión de España co estatuto de observador asociado supón un paso máis para a participación de Galicia no ámbito da CPLP, despois de que xa o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP) participasen nos traballos da CPLP en calidade de observadores consultivos.
A Xunta espera que esta incorporación de España na CPLP sirva para que a nosa comunidade teña unha presenza directa no seus órganos e poda así avanzar na cooperación co mundo da lusofonía, tal e como foi posto de manifesto polo Goberno de España na reunión de hoxe.
A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP)
A Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa é un foro multilateral privilexiado para o afondamento da amizade mútua e da cooperación entre os seus membros. Creada en 1996, a CPLP goza de personalidade xurídica e está dotada de autonomía financeira. En 2005 estableceuse a categoría de Observador Asociado, pola que os estados que pretenden adquirir a devandita categoría teñen que compartir os principios orientadores da CPLP, en especial no que se refire á promoción de prácticas democráticas, bo goberno e o respecto aos dereitos humanos, así como procurar a través dos seus programas de goberno obxectivos idénticos aos da CPLP.
Durante a XIII Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa, que se celebrou hoxe en Luanda (Angola) co lema “Construír e Fortalecer un Futuro Común e Sustentable”, a República de Angola asumiu o exercicio da Presidencia da CPLP durante o período de dous anos e durante este acto aprobaron a incorporación de España como Observador Asociado da CPLP.
Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa